20 de octubre de 2018
20.10.2018

Pontevedra, capital da lingua galega a través dos alcumes

O Museo acolle a III Xornada de Onomástica Galega organizada pola RAG

20.10.2018 | 19:16
Participantes nas xornadas da RAG co seu presidente, Víctor Freixanes (esquerda).

Os alcumes protagonizaron no Museo de Pontevedra a III Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra, profundizou nestes nomes non oficiais desde distintas perspectivas e tempos: a antropoloxía, os seus inicios na Idade Media, a súa fixación nos apelidos ou exemplos concretos como o do barrio pontevedrés da Moureira, ata chegar a novas formas, como os nomes escollidos polos editores da Wikipedia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e a coordinadora da xornada, a académica correspondente Ana Boullón, inauguraron o encontro.

"Dicía Platón que nos nomes está a alma das cousas, tamén das persoas. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega traballa moi intensamente neste eido do coñecemento, procurando ofrecer a relación máis depurada dos nomes e apelidos das persoas, para a súa identificación e estudo, con atención especial á recuperación da memoria histórica", salientou o presidente da RAG. "Nesta terceira edición das xornadas centramos os traballos nos alcumes, esoutra maneira de recoñecer as persoas, ás veces tan íntima, outras veces tan retranqueira, con connotacións sociais e antropolóxicas moi diversas. Os alcumes son una riqueza popular da que dispón Galicia, moi marcada sobre todo nas sociedades rurais, ou con forte tradición rural. Explorar este eido da lingua é viaxar tamén pola nosa historia, pola nosa memoria colectiva, mesmo ás veces pola nosa memoria máis íntima e persoal", engadiu Víctor F. Freixanes, que agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra que fai posible a celebración destes encontros.

"Estes tres anos de colaboración coa Real Academia Galega, como institución científica e referencia, permítenos achegar o público xeral aos aspectos que aínda perduran da tradición lingüística en canto a toponimia e apelidos, nas anteriores edicións, e este ano no referido aos alcumes", valorou, pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. "Este gran labor científico permite unha continuidade das temáticas tratadas nestas xornadas con aplicación para futuros estudos". Xosé Leal salientou que o respecto por estas cuestións está sempre de actualidade "ante as constantes deturpacións e ataques inxustificados que estamos vivindo no noso día a día".

Os alcumes comparten cos apelidos a fixación familiar e a transmisión interxeracional, pero o seu carácter extraoficial dificulta compilalos, explicou Ana Boullón. Non aparecen nos rexistros civís nin nos eclesiásticos, e nos textos escritos só adoitan facerse un oco na literatura ou nas necrolóxicas dos xornais. "E, con todo, constitúen unha forma de designación das persoas aínda moi viva en determinados lugares, especialmente vilegos e rurais. Son de enorme interese lingüístico e antropolóxico, o que demostra, entre outras cousas, a gran creatividade popular. É o caso, por exemplo, de compostos como O Pito Bebendo, O Sinqueixo, O Aisí ou o Benfaladiño", expuxo a académica correspondente.

O profesor Xoán Carlos García Porral ofreceu unha ollada antropolóxica e presentou un traballo de campo realizado en dúas aldeas do rural de Lalín no que se identifican e analizan parte dos nomes cos que son denominadas 55 casas e os alcumes que definen a algún dos seus moradores ou a familia en xeral. Aínda que non son algo exclusivo do rural, "nas sociedades tradicionais e campesiñas tanto os alcumes como os nomes das casas son mellores definidores ca os nomes e apelidos", explicou. "No rural galego a xente noméase polo nome da casa. A pregunta e logo de que casa es? é tradicional entre a xente das aldeas. Vivir baixo o paraugas dunha casa con nome é o primeiro elemento identitario dunha persoa ante o resto da sociedade", engadíu.

Os espazos que analizou o antropólogo serven de exemplo das orixes e dos significados habituais dos alcumes e nomes de casas: nomes propios dalgúns dos seu moradores (A de Mensamino, Paulos), topónimos, o aspecto físico (O Longo, Tripón, Chaval), o carácter (O Minuto), profesións ou nomes de animais, entre outros.

Rosario Soto Arias detívose deseguido nos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval. A profesora, e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), analizou máis de 1.300 tirados sobre todo de dous corpus, o Xelmírez e o Codolga. Ademais de indagar na súa orixe e no seu significado, profundou en dous fenómenos característicos importantes: "os alcumes e sobrenomes hérdanse e son fonte de apelidos actuais, entre eles algúns tan comúns como Fariña, Ferreiro ou Pardo". "A lingua medieval espellada nos sobrenomes e alcumes é unha enerxía creadora en fase de rica xeracións de formas. Algunhas callarán e outras desaparecerán", sinalou Rosario Soto.

Os apelidos tamén centraron a conferencia da académica correspondente Luz Méndez, quen incide igualmente na antigüidade da fixación dos sobrenomes como apelidos. "Moitos destes sobrenomes, coma Calvo, Bo, Corvo ou Amigo, xa están datados en textos en latín, escritos en Galicia, nos séculos X e XI e, polo tanto, levan connosco desde o principio da lingua", contou.

O público puido ademais coñecer o proxecto colaborativo desenvolvido no IES Sánchez Cantón de Pontevedra baseado no barrio da Moureira. "O obxectivo principal foi espertar no alumnado o interese polo léxico da súa lingua e recuperar a memoria da cidade e do seu barrio a través da investigación sobre os alcumes", resumíu a profesora Anxos Rial. A iniciativa permitiulles ademais aos mozos e mozas aprenderen a "valorar e recoñecer a aquelas persoas de idade que son as depositarias do coñecemento e das raíces do seu propio idioma no seu emprego cotián, na vida familiar e na relación social coa súa veciñanza".

O programa contou tamén coa achega de Lidia Gómez, que ofreceu unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia. Así mesmo, David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, ofreceu un relatorio sobre os chamados ditados tópicos, os alcumes colectivos dados aos habitantes dunha localidade no seu conxunto, tamén chamados xentilicios festivos.

A súa intervención baseouse no Portal de ditados tópicos galegos, unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela para aproveitar os materiais galegos dun ambicioso proxecto do premio Nobel, a redacción do Diccionario geográfico popular de España, que acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado. "A comezos de 1971, enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte", lembrou o filólogo.

O último relatorio da tarde estivo adicado aos nomes que se asignan a si mesmas as persoas editoras da Wikipedia. Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, falará destes novos nomes, que permiten identificarse ante unha comunidade de usuarios e, ao mesmo tempo, manter a miúdo o anonimato. "Antropónimos, topónimos, datas, oficios ou afeccións son algúns dos motivos que se esconden detrás destes sobrenomes, algúns deles transparentes e outros máis escuros", resumíu.

Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica puxo o broche de ouro. Nesta última sesión amosáronse as posibilidades que os topónimos ofrecen no estudo de campos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegouse á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordou o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falaron sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia