"Un proxecto histórico que vai a axudar a dar a coñecer para futuras xeneracións a nosa historia, un documento que dará a coñecer máis se cabe e recoñecer a figura do galeguista Alexandre Bóveda". Desta forma definía o alcalde, Luciano Sobral, a homenaxe a Bóveda, nun conxunto de traballos promovidos por Xan Leira e que se compón dunha exposición, dun libro e dun documental sobre a vida do intelectual fusilado na Caeira en 1936 e que se pode ver xa no Casal de Ferreirós.

A homenaxe recolle un conxunto de traballos realizados en 2003, co motivo do centenario do nacemento de Bóveda, e que foron xa expostos un ano despois. Neste proxecto rescátase documentos e entrevistas doutros moitos galegistas que "que nesa época da II República e incluso durante a ditadura mantiveron viva a nosa historia, a nosa identidade e singularidade como pobo, a defensa da nosa lingua, cultura e de valores como a democracia, valores que deben seguir tendo vixencia hoxe en día", explicaba Sobral. O rexedor emocionábase durante a presentación da mostra recordando a algúns dos galeguistas que recollen os paneis expostos. "Deles aprendín e podemos aprender moito", recoñecía.

No acto de inauguración presentouse o libro, titulado "Alexandre Bóveda. Unha crónica da Galiza mártir" , de Xan Leira, que recolle referencias do intelectual por parte doutros galeguistas recoñecidos como Castelao, Xaime Illa, Lois Tobío, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo ou Mariví Villaverde. Ademáis, farase un pase do documental no Casal de Ferreirós o 9 de novembro coa presenza da familia de Bóveda, así como da Fundación Alexandre Bóveda.