Cantos na Maré achega hoxe o seu derradeiro espectáculo tras unha intensa xornada que onte levou a Xurxo Souto a guiar polos principais espazos da cidade unha visita sonora que rematou no Museo coa actuación do coro Aires da Terra.

Os concertos de Mercedes Peón, Chico César e Os Meninos darán paso hoxe ao espectáculo Ath-Thurdá, promovido polo concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura desta cidade lusa como Cidade Europea da Cultura en 2027. Dará comezo á 20.00 horas no Pazo da Cultura.

No concerto participarán artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, entre outros.

Ademais, uniranse outros músicos convidados, como a propia Uxía, directora artística do festival, as Tanxugueiras, o brasileiro Chico César ou a mozambicana Selma Uamusse.

Trátase dun proxecto que xira arredor do cante alentexano, no que tamén participarán Paulo Borges no piano e Raquel Domínguez na gaita.

Cinemaré

O programa de eventos en Cantos na Maré para este domingo tamén inclúe unha nova proxección dentro do ciclo Cinemaré.

No Sexto Edificio do Museo de Pontevedra proxectarase ás 18.30 horas o filme documental "Rosas de Ermera", sobre un tráxico episodio que foi chave na vida do compositor e músico portugués José Afonso, o Zeca Afonso. A película volve sobre os 6 anos nos que a familia do Zeca tivo que vivir separada logo de que os país do creador luso fosen encarcerados en Tímor polo exército invasor xaponés durante a Segunda Guerra Mundial.

A aposta pola incorporación de novas linguaxes, coma a do cinema, ou de xéneros musicais que ata agora non estiveran integrados en Cantos da Maré, como o rap ou o hip hop, forma parte do novo Cantos na Maré, que actualiza o seu formato logo de catorce anos promovendo o intercambio entre artistas e culturas dende Pontevedra e que nesta edición que hoxe chega ao seu fin está a recibir unha importante acollida.

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia con outras culturas, outros países e outros continentes, Cantos na Maré deu nesta edición un paso máis e tomou unha nova reorientación.

O Festival quixo atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.