A Estación Fitopatolóxica de Areeiro aconsella vixiar a couza do acio nas viñas da provincia, aínda que na situación actual non recomendan tratamento. Nas revisións realizadas en diferentes parcelas xa detectaron perforacións larvarias e buracos de penetración das eirugas de Lobesia botrana, o insecto causante da couza, mais indican que os danos non chegan de momento aos limiares de tratamento.

A técnico Rosa Pérez asegura que as altas temperaturas non favorecen a propagación de enfermidades ocasionadas por fungos, como o mildeu ou o oídio, pero si o desenvolvemento de insectos. A este respecto, tamén indica que os ovos e as eirugas de Lobesia botrana non toleran a insolación, polo que as actuais temperaturas extremas debería afectarlles negativamente. Polo tanto, a técnico aconsella seguir a evolución dos acios nos vindeiros días e aplicar tratamento unicamente se se supera o limiar de tolerancia.

Con respecto ao mildeu, desde a EFA explican que é sabido que este patóxeno perde vitalidade cando se superan os 30 graos de temperatura durante 5 ou 6 horas, situación que xa se cumpriu. Isto, unido á previsión de tempo estable para a vindeira semana, dá como resultado que o risco de infección sexa cada vez menor.

Indican, ademais, que non se observan novos síntomas de mildeu nas viñas tratadas, e que a vixilancia será necesaria naqueles casos de orballos ou néboas densas. Insisten en que é preciso retomar as labores de poda en verde que, aínda que xa se tiveran feito, volven ser necesarias en moitas viñas. Sobre o mildeu, desde a EFA están constatando casos nos que os viticultores están aplicando, como norma de actuación, tratamentos excesivamente curtos, de 5 días, ou mesmo doses por riba das máximas recomendadas polos fabricantes, e advirten que estas prácticas son totalmente desaconsellables.

En canto ao oídio, desde a EFA aseguran que esta enfermidade non debería aparecer xa nas parcelas sas, e que nas afectadas debería estabilizarse.