O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de reforzar as moitas accións do Programa Municipal de Prevención de Lumes Forestais 2018 coa contratación, desde a xornada de onte, de vinte peóns forestais, que servirán de reforzo e complemento ao resto do plantel, infraestruturas e servizos xa en marcha. O presidente municipal, Jorge Cubela, mantivo onte unha xuntanza informativa co novo persoal para formalizar a sinatura dos seus contratos e darlle a benvida e as primeiras instrucións.

Estes traballadores van a estar contratados durante os vindeiros seis meses -ata o 31 de xaneiro de 2019- a xornada completa e os seus salarios van ser asumidos con fondos propios. A súa labor vai consistir principalmente na limpeza e desbroce da moita masa forestal existente no termo municipal, con especial atención a puntos estratéxicos, bens municipais e lugares con elevado risco de incendio, e tamén servirán de apoio e servizo auxiliar aos equipos de extinción.

Deste xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade culmina o seu dispositivo humano para a campaña de lumes, xa que anteriormente xa se tiñan contratado dúas brigadas completas de extinción e tres condutores de motobomba, que se encargarán do manexo deste vehículo municipal, transferido pola Xunta o pasado verán.

Ademais, o equipo de goberno, que está especialmente sensibilizado coa problemática dos lumes polos graves danos ocasionados no municipio nalgúns veráns anteriores, tamén vertebrou moitas outras accións para impedir a aparición de incendios ou minimizar ao máximo os seus efectos. Así, xestionouse con Medio Rural a construción dun depósito de auga para helicópteros de 500 metros cúbicos en Tenorio, que xa está operativo, e solicitouse á mesma consellería a creación dun cordón de protección no lugar de Parada de Tenorio.

A limpeza

Pola súa banda, desde o Concello tamén se está a desenvolver, desde o pasado mes de abril, unha esixente política de limpeza de fincas nos núcleos e nas súas franxas de protección. Inicialmente elaboráronse mapas detallados de todos os lugares do municipio e a continuación esixiuse o desbroce das parcelas, rexistrando unha gran colaboración por parte dos propietarios.

Nos 50 casos nos que non se acometeron estes traballos de limpza procedeuse á correspondente apertura dun expediente sancionador.

As declaracións de Cubela

Cubela indicou que o Concello "está a facer os máximos esforzos imaxinables para ter unha campaña de lumes o máis tranquila posible, pero sabemos que todo o que fagamos é pouco cando se tratar de protexer aos nosos veciños, as nosas aldeas, os nosos montes e o noso medio ambiente". En todo caso, destacou que o goberno puxo en marcha "o dispositivo máis grande da historia do municipio para previr e conter os incendios" e solicitou aos veciños "a máxima colaboración contra esta lacra".

Ante a inminente ola de calor que asolará Galicia, só queda esperar que o concello non pase polo que pasou o pasado mes de outubro de 2017, onde a zona de Tenorio foi a máis afectada polos lumes.