Os rapaces dos campamentos de verán da illa de Ons recibiron onte a visita do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dentro dun dos actos para promocionar a candidatura de Cíes-Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Ao redor de 60 rapaces de toda Galicia participan nos campamentos de verán da illa de Ons, un programa baixo o título de "O galego campa!" e na que se combinan actividades lúdicas e formativas co coñecemento da natureza e a importancia de preservar o medio ambiente. Ao mesmo tempo téntase fomentar e promocionar o uso da lingua galega entre os máis novos. Os participantes recibiron onte unha visita moi especial: a do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que acudiu a illa, que forma parte do territorio de Bueu, a promocionar a declaración de Cíes e o Parque Nacional Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. "A candidatura foi incluída na lista indicativa da Unesco como paso preceptivo para sexa declarada patrimonio mundial. Todo despois dun traballo serio e rigoroso levado a cabo pola Xunta en colaboración con outras administracións", manifestou en Ons o conselleiro. Entre eses apoios está o do Concello de Bueu, representado onte polo concelleiro de Relacións Institucionais, Fidel Castro.

O campamento que se desenvolve en Ons permite que os rapaces teñan a oportunidade de coñecer e gozar dun "paraíso natural" como o que constitúe esta illa. "Ao mesmo tempo toman conciencia da súa riqueza para aprender a protexela para as xeracións futuras", suliñou Rodríguez.

O programa de campamentos de verán da Xunta inclúe unha quincena de localizacións en lugares como Vilanova de Arousa, Sada, A Mezquita, Muíños, Manzaneda, Boiro ou Portomarín e estímase que participarán máis de 1.500 rapaces. Na visita de onte acompañaban a Román Gutiérrez o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, quen se referiu ao campamento Bing Bang Illa que se desenvolve en Ons. "Participan rapaces de 12 e 13 anos, que xa van pola teceira quenda, cun amplo abano de actividades ao aire libre: bicicleta, tiro con arco, astronomía, sendeirismo guiado, orientación con GPS e xeocaptura, kaiak, snorkel, aula da natureza, diverciencia, actividades de praia e un videoclip", enumerou a directora xeral.