O Concello de Ponte Caldelas segue a constatar os efectos positivos da campaña de acolchamento con palla (técnica "mulching") realizada durante o mes de novembro para combater os efectos dos incendios forestais do 15 de outubro e previr así a erosión en diversas zonas do municipio.

Durante as xornadas de voluntariado ambiental celebradas o pasado mes de novembro incluíuse a área das pendentes do barranco do Verdugo polo seu valor paisaxístico e tamén polo dano que a erosión podía facer nas zonas de escorrenta, que verten directamente ao río.

Por este motivo seleccionáronse tres cordóns de drenaxe natural para o seu tratamento con palla. Sete meses despois os resultados son concluíntes porque recuperaron o substrato vexetal mentres que o resto da ladeira segue cuberta de cinzas.

Este espazo natural fluvial é tamén unha mostra perfecta do distinto efecto que o lume ten sobre as especies pirófitas e a vexetación autóctona, que foi a que sobreviviu, fundamentalmente, ao paso das lapas.