"O canteiro de Sebil" preséntase hoxe en Pontevedra, A cidade do Lérez acollerá a última das presentacións das cidades galegas, pechando así un círculo do que os integrantes do Quinteiro se amosan moi orgullosos. Será da man da Asociación Cultural O Quilombo, que dá os seus primeiros pasos en Pontevedra, e terá lugar no Teatro Principal. Con entrada de balde, ás oito e media do serán.

Xoán Xesús González foi unha destacadísima e polifacética figura dos escuros tempos do 36 en Galicia. Nado nunha aldea de Cuntis, Sebil, canteiro de profesión, exerceu a avogacía, o xornalismo e foi un dos máis salientables dirixentes políticos e sindicais do seu tempo, así como unha referencia de primeira orde no mundo da cultura. A barbarie fascista rematou coa súa vida en setembro de 1936, fusilándoo no cemiterio de Boisaca.

O Quinteiro do Umia recompilou o xa publicado e afondou na vida deste veciño das súas terras para elaborar un documental de manufactura artesá e colectiva, sen ánimo de lucro e coa única pretensión de facer e recuperar memoria.