O Pazo de Mugartegui acolleu a recepción oficial de agradecemento do alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña ás asociacións de veciños e sociais e centros de ensino que colaboran dun xeito activo co Maio mes da lingua. Representantes de arredor de 40 colectivos acudirán a cita.

A recepción é o remate oficial -aínda queda un roteiro María Victoria Moreno o día 1 de xuño- dun mes cheo de actividades dirixidas a profundar no coñecemento e normalizar o uso do galego en todos os eidos da vida. A programación, que promove e coordina a Concellería de Normalización Lingüística, incluíu teatro cinema, literatura, roteiros, obradoiros, música e actividades lúdicas variadas.

Nesta ocasión a programación de Maio, mes da lingua conxugouse cunha ampla oferta de citas que xiraron arredor de María Victoria Moreno a mestra e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, autora que vai a estar presente tamén hoxe na recepción do Pazo de Mugartegui onde leranse varios dos seus textos.

A voz dos textos seleccionados porana dous representante da asociacións de veciños San Bieito de Lérez, que lerán o inicio de Anagnórise e un extracto de Leonardo e os fontaneiros; un membro da asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns e a neta de María Victoria Moreno que leva o seu nome quen lerá Na fonte, fonte?

No acto entregaronse bolsas con libros ás asociacións e ENDL (equipos de normalización e dinamización lingüística) dos centros escolares que traballan todo o ano coa rapazada e mocidade co fin de normalizar o uso do galego.