Os dous grupos municipais do Concello de Cerdedo-Cotobade, conformados polo PP no goberno local e o PSdeG-PSOE na oposición, veñen de acordar por unanimidade a solicitude da concesión das Letras Galegas 2019 ao escritor, historiador, etnógrafo e expresidente do Museo do Pobo Galego Antón Fraguas Fraguas, que ademais é Fillo Predilecto destas terras. Os representantes populares e socialistas pactaron unha proposta, que posteriormente foi presentada polo presidente, Jorge Cubela, e que vén de informarse favorablemente nas comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio.

A petición oficial das Letras Galegas para Antón Fraguas quedará aprobada definitivamente mañá, durante a sesión da corporación municipal e, tras a adopción deste acordo, remitirase unha carta informativa á Real Academia Galega (RAG) para que teña en conta esta solicitude no plenario que abordará a elección da figura protagonista do vindeiro ano.

A moción consensuada por goberno e oposición conta con catro acordos: a solicitude das Letras Galegas 2019 a Antón Fraguas por ser unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX; o compromiso do Concello ante a RAG e demais institucións para prestar a máxima colaboración na organización e desenvolvemento de todas as actividades de homenaxe a Fraguas; o apoio a calquera actividade de lembranza e posta en valor fóra das Letras Galegas; e a solicitude de concesión desta distinción a perpetuidade en caso de que non lle foran outorgadas as Letras Galegas 2019.