Pontevedra ferveu onte cultura polos catro costados. Se durante os derradeiros días a cidade do Lérez acollera numerosas iniciativas a prol da lembranza da escritora e docente María Victoria Moreno, cidadá de acollida na vila, onte, co gallo das Letras Galegas as actividades multiplicáronse.

Pola mañá foi o turno para a Xunta e a RAG. Pero pola tarde, adquiriu protagonismo o Concello de Pontevedra, que celebrou xunto coa Asociación Cultural O Burgo o día do galego na Praza de Curros Enríquez. Alí, no espazo adicado a un dos grandes escritores da lingua do país, preto de tres centenas de persoas se deron cita para escoitar o recitado de varios textos da autora arredor da alfombra floral confeccionada para a ocasión.

No acto participou a filla de Moreno, Begoña Llácer. Tamén o fixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que adicou unhas palabras á escritora, veciña de acollida da vila e homenaxeada este ano a nivel autonómico. "A grandísima lección que a profesora Moreno nos deixou foi a de decidir vivir coma os galegos, cunha das máis enternecedoras frases que se pode dedicar a unha lingua: "Non quero falar nun idioma distinto ao que fala a persoa que elaboro o pan que como", destacou Lores

O rexidor destacou que a María Victoria Moreno movíalle "o amor". "Se nos movese o amor ninguén impoñería un idioma como hoxe ocorre co castellano e o inglés, auténticos depredadores lingüísticos pola súa potencia, derivada de dominacións imperiais. Se a maioría de nós proxectásemos sobre a nosa lingua un amor como o que María Victoria Moreno dedicou ao galego, teríamos un idioma vizoso, cheo de falantes e cun futuro asegurado", finalizou.

Máis aló deste acto, as rúas da cidade tamén acolleron partidas de xadrez, unha exposición e venda de libros en galego na Praza da Peregrina e o tradicional concerto polo Día das Letras, que se celebrou no Teatro Principal interpretado pola Banda de Música de Salcedo. O acto musical foi dirixido por Marcel Van Bree.

Pero os actos polo galego non rematan aínda. A Asociación de Veciños de Ponte Sampaio inaugura mañá sábado a exposición homenaxe a María Victoria moreno na Biblioteca Antonio Medal. Mentres, o mércores 23, a Fundación Amigos de Galicia lembra a autora na Casa da Luz cunha "Escolma" das súas lecturas.