Textos escolleitos de María Victoria Moreno, que protagonizarán a sesión lectora organizada pola Asociación Sociocultural O Burgo, e a música da Real Filharmonía de Galicia, que ofrecerá o recital organizado polo Concello da Cultura Galega, principiarán hoxe os actos do Día das Letras na cidade de Pontevedra, epicentro este ano das celebracións do 17 de Maio.

O local social do Burgo acollerá ás 20.30 horas a sesión lectora na que poderá intervir libremente o público asistente. Media hora máis tarde o centro social de Afundación será escenario do concerto.

Nesta actuación na que a orquestra galega estará dirixida polo seu titular, Maximino Zumalave, e á que asistirán destacados representantes da cultura e a política galega (tamén o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet) estrearase a peza "Duns folios que foron brancos" de Miguel Matamoro, compositor vigués de 27 anos que pon música a dous poemas de María Victoria Moreno.

A organización lembra que a entrada ao concerto é de balde previa inscrición en ataquilla.com. "Para acceder ao auditorio hai que amosar o código QR que recibirá por correo electrónico ao realizar a inscrición e que poderá presentar no seu dispositivo móbil, ou ben levar a entrada impresa empregando o servizo Print@Home (Imprimir na casa)", sinalan. As entradas poderán retirarse tamén no despacho de billetes do centro social de Afundación de Pontevedra hoxe mesmo.

Con anterioridade a esta cita organizada polo Concello da Cultura galega o alcalde, Miguel Fernández Lores, encabezará unha recepción aos membros desta institución e aos da Real Academia Galega no Café Moderno.

Despois destes preludios o principal acto do Día das Letras trasladarse mañá ao Teatro Principal, onde a Real Academia Galega celebrará unha sesión plenaria extraordinaria e pública en lembranza de María Victoria Moreno, escritora e docente que no 1963, á sua chegada a Galicia, estableceuse nesta cidade.

O pleno principiará ás 12.30 horas e tomarán a palabra tres numerarios vinculados a María Victoria Moreno: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora neste acto, aberto ao público ata completar a capacidade do teatro. A sesión concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Tamén a Xunta celebrará en Pontevedra o seu acto central no día grande das Letras Galegas. Será cunha cerimonia institucional que contará coa participación da familia da autora homenaxeada e a actuación musical de Rosa Cedrón e Emilia Rúa, que adaptaron para a ocasión un poema de María Victoria Moreno.

A homenaxe celebrarase no IES Torrente Ballester, onde María Victoria Moreno impartiu clases ata súa xubilación e onde se descubrirá unha placa conmemorativa en recoñecemento á súa labor docente.

No 17 de maio os libros galegos saen á rúa. Será na praza da Peregrina, onde mañá instalarán os seus estands Aviones de Papel, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Paz e Seijas.

A idea, suliñou o concelleiro de Normalización Alberto Oubiña, é "aproveitar o tirón da xentes nas rúas coas actividades do Día das Letras" para difundir o libro galego. Así, ademáis dos estands con libros á vista tamén haberá un espacio para que os que queiran podan ler na mesma praza.

Será un anticipo da Festa dos Libros que se celebrará do 22 ao 24 do vindeiro mes de xuño e que xa tivo unha previa o pasado día 23, cando as librarías celebraron actividades como presentacións, faladoiros, petiscos etc cos que festexaron o Día do Libro.

No Día das Letras os lectores poderán beneficiarse dun 10% de desconto no libro galego. Jaime Pereira, da librería Escolma, animou a aproveitar a xornada para mercar libros e así potenciar o libro galego. "Faille falta", sinalou, "porque últimamente baixou bastante, temos que fomentalo".

Víctor Manuel Villaverde, de El Pueblo, convidou a acudir á Peregrina e coñecer as novas propostas das editoras. "O libro galego ao mellor non é tan coñecido pero constantemente nos chegan novidades". Pola súa banda, Marina, de Aviones de Papel, incidiu na "extraordinaria calidade" de moitas das propostas da literatura galega contemporánea, aínda que non sexan moi divulgadas.