Cancións, xogos, carreiras, conversas e moito, moito berro. Correlingua encheu onte de animación as rúas do centro histórico de Pontevedra na 18 edición desta carreira polo galego. Convocou a arredor de 1.300 escolares de Pontevedra, Pontecesures, Ponte Caldelas, O Grove, Meis, Marín e Cambados, nunha gran reivindicación conxunta da nosa lingua.

Participaron no encontro estudantes de 19 colexios de Infantil e Primaria, institutos e tamén uns 10 alumnos dos centros de Amencer-Aspace e os seus coidadores.

De novo para facilitar a participación dos mais pequenos estableceronse dous percorridos, un curto para Infantil que discurriu polo entorno máis cercano á Ferrería e un segundo, máis extenso, por boa parte do centro histórico.

A actriz e humorista Isabel Risco presentou o acto na Ferrería, onde tamén se celebrou a lectura do manifestó, "Rapea, que a lingua non para!" do alumnado de terceiro C do IES Antón Fraguas.

Que por que falo galego?/ Porque é a miña lingua,/ porque tamén é a túa,/ porque vivo na Galiza/ e porque non me dá preguiza./ Porque o fala a miña xente,/ iso sempre teno en mente./ e sobre todo porque quero, / por que non falar galego, rapearon os nenos.

Éstes achegaronse un ano máis dende os seus respectivos centros ou das paradas onde os deixaron os buses escolares ao casco vello con carteis, globos e camisetas. Non faltaron tampouco viseiras e gorros para protexerse do sol que presidiu a mañá capitalina.

Na festa actuou o grupo gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta, e o alcalde, Miguel Fernández Lores, saudou aos nenos antes da entrega de agasallos e a solta de globos coa que rematou o acto.

A maiores desta carreira (que en toda Galiza convoca a 40.000 rapaces que percorren un total de 2.000 kilómetros) o Correlingua inclúe outras actividades ao longo do ano de banda deseñada, música, elaboración de vídeo ou do manifesto. Todas son actividades lúdicas e interdisciplinares para sensibilizar aos mozos sobre a situación da lingua e a importancia de activar accións a prol dela.