Con motivo da festa dos Maios en Marín, o Ateneo Santa Cecilia organizou un programa relacionado con esta festa. Hoxe, primeiro de maio celebrarase o 65 concurso de Maios e Embarcacións, con concentración dos participantes as 12.30 horas na alameda Rosalía de Castro e pola tarde levarase a cabo dito concurso as 17.30 horas na mesma alameda.

Os grupos participantes terán, obrigatoriamente, que concentrarse ás 16.30 horas na alameda Rosalía de Castro, no entorno do palco da música, debendo ter presenza polas rúas de Marín e Alameda pola mañán.

Durante a celebración do concurso farase unha homenaxe a Agustín Sanjorje, o participante dos Maios máis maior aínda vivo, pois a súa participación nos Maios data dos anos 30 do século pasado.

O concurso está dirixido a tódolos centros escolares, asociacións e demais colectivos de Marín e bisbarra. Os maios participantes terán forma cónica e na decoración exterior dos maios só se utilizarán elementos vexetais e naturais. As embarcacións só serán de construcción artesanal e as coroas deberán respectar as formas tradicionais dos maios de Marín e estará recubertas con material vexetal. Non se permitirán engadidos de figuras ou outros símbolos non tradicionais.

A valoración dos grupos participantes farase mediante un xurado, nomeado polo Ateneo, que valorará de 1 a 10 puntos, a cada participante, en cada un dos apartados do concurso, puntuación que se fará pública ao remate do concurso. O xurado contará cun secretario do Ateneo e o seu fallo non poderá ser recorrido.

Os apartados do concurso son para os maios Letra, Construcción, Coroa e Interpretación. Para embarcacións serán Letra, Construcción e Interpretación. En cada apartado haberá un primeiro, un segundo e un terceiro premios, poidendo quedar deserto algún deles si o xurado así o considerara. A letra da coplas deberá ser en galego e de libre composición.

Rosca e chocolate

Tódolos grupos recibirán unha axuda polo feito de participar, ademais da tradicional rosca e o chocolate para os seus compoñentes.

Na interpretación, que será de catro estrofas e a última, usaranse as melodías tradicionais tanto no caso dos Maios como das Embarcacións, e o xurado terá en conta, se se dera o caso, a recuperación dalgunha melodía tradicional.

Ademais, dentro desta programación con motivo da festa dos maios tamén se ofreceron charlas didácticas en diversos colexios, O Sequelo, A Laxe, Colexio Inmaculada e Carballal. Estiveron impartidas por Julio Santos Pena e Celso Méndez Fraguas e teñen como finalidade, mostrarlle aos nenos e nenas como se confecciona un maio, os materias que se usan, como se fai unha copla o como se interpreta coa súa melodía.

Unha exposición de fotos dos Maios desde 2006 a 2017 estivo instalada no local do Ateneo, na Rúa do Forno 42, en horario de martes a venres de 18.00 a 20.30 horas e sábado de 11.00 a 13.30 horas.

Ademais o pasado venres celebrouse unha mesa redonda coa participación de José Antonio Pazos mestre do CEIP O Sequelo, Enriqueta Otero "Molas" gran coñecedora dos maios de Marín e Julio Santos Pena, que durante moitos anos foi un dos impulsores da festa dos Maios en Marín.