Dende a mañá deste venres de abril María Victoria Moreno é para sempre parte do mapa de Pontevedra, "que decidiu conscientemente convertila na súa cidade", como lembrou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, ao exercer de anfitrioa dos representantes políticos e da cultura que asistiron ao bautizo simbólico da avenida que agora leva o nome da escritora.

Sustitúe no plano ao ministro franquista Fernández Ladreda, un nome xa eliminado das placas da avenida. Do mesmo xeito, os semáforos sonoros xa din agora o nome de María Victoria Moreno.

Alumnas do IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno impartiu clases e ao que donou unha biblioteca duns 4.000 volumes, leron textos da escritora e tamén colaboraron no acto instrumentistas do Conservatorio Manuel Quiroga. Con elles, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a académica Fina Casalderrey, o presidente da Fundación Filgueira e fillo do polígrafo, Xosé Fernando Filgueira, acompañaron aos familiares da autora homenaxeada, encabezados pola súa filla Begoña.