O plenario da Real Academia Galega, unha cerimonia que terá como escenario o Teatro Principal e no que participarán o 17 de maio distintos académicos para lembrar a figura de María Victoria Moreno será o acto central do Mes da Lingua, un intenso programa de actos con presentación, propostas musicais, cine etc.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, o presidente da RAG, Víctor Freixanes e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentaron na mañá deste martes a programación, que principiará o vindeiro xoves, día 26, coa presentación do documental adicado á escritora "María Victoria Moreno, galega por amor".

Ao día seguinte celebrarase o acto inaugural da avenida María Victoria Moreno, como será rebautizada o vial adicado ata o momento ao exministro franquista Fernández Ladreda.

Outra das actividades previstas son o concerto que celebrará en Afundación o Consello da Cultura Galega. Os seus representantes e os académicos participarán momentos antes nunha recepción no Café Moderno que lles ofrecerá o alcalde.

Polo que respecta á ceremonia académica do Día das Letras Galegas, Victor Freixanes explicou que intervirán Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.

A Junta de Extremadura, comunidade onde naceu a escritora homenaxeada, amosou interese en estar representada entre o público do plenario, no que tamén figurarán familiares.