O roteiro “Camiñadas con María Victoria Moreno”, elaborado pola escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega, RAG, Fina Casalderrey, e Ana Acuña, xa conta cunha versión en papel. É o primeiro dos cinco que se organizan dende o Concello de Pontevedra que se leva ao formato físico. Permite facer un percorrido diferente pola Boa Vila que marcou a vida da escritora e profesora do IES Torrente Ballester.

María Victoria Morena, cacereña de nacemento, sentiuse moi vinculada sempre á cidade que a acolleu cos brazos abertos, así como á súa lingua, que asumiu como propia, como ela mesa confesaría en numerosas ocasións: “Aquí comecei a vivir en serio, por iso coido que Galicia é a miña terra. A miña relación coa lingua é simplemente una historia de amor”.

É, tamén, a primeira vez que un dos roteiros de Normalización Lingüística sae do casco histórico. Percorre aqueles lugares importantes para a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas: Ponte da Avenida de Vigo, a Avenida de Vigo, Campolongo, o río Gafos, rúas da Oliva, García Camba, Augusto García Sánchez, Marqués de Riestra e tamén emprazamentos do casco histórico, como as súas prazas e o Liceo Casino, onde fixo historia ao converterse na primeira muller que deu unha conferencia en galego en público.

A publicación inclúe dúas posibles opcións de roteiros, unha reducida e outra ampliada.

O roteiro pode facerse en grupo contactando co Concello de Pontevedra; tamén no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se inaugura esta tarde no Pazo da Cultura.