Promocionar a música tradicional, na súa variante cantada, e xerar un grupo numeroso de persoas que participe nunha gran "quedada" -Supercantos- para cantar nas prazas da cidade é o obxectivo para o próximo 10 de agosto, véspera do inicio das Festas da Peregrina.

"Aquí Cántase!!" co aval do éxito do pasado ano, bota a andar, por segunda vez o próximo luns 4 de abril, o camiño que rematará na gran quedada, na que "para partcipar só se pide querer cantar e querer gozar", expón a organización.

A concelleira de Dinamización Sociocultural e Festas, Carme da Silva e os membros de Maravallada, Luís Torres e Manuel Espiño presentaron a segunda edición dos Supercantos!! que os números definen do seguinte xeito: 20 cancións para aprender, 4 ensaios por local, 3 sedes para ensaiar e 4 prazas para actuar.

Calquera pode sumarse ao proxecto pero hai que inscribirse a efectos de encadre nas xornadas previas ao ensaio. As inscricións fanse na web www.pontevedra.gal/supercantos ou no teléfono 986 804 300.