A Deputación provincial aprobou as bases das axudas para a realización de actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2018. A estas axudas, dotadas cunha partida orzamentaria de 120.000 euros, poderán concorrer entidades sen fins de lucro, que deben presentar as solicitudes entre o día seguinte da publicación do extracto no BOPPO e o 30 de abril.

As axudas para a dinamización do galego é unha liña creada no presente mandato polo departamento de Cultura e Lingua co obxecto de impulsar e fomentar o uso do idioma en todos os ámbitos sociais da nosa provincia, mediante o apoio ás actividades que neste eido realizan as entidades sen ánimo de lucro. Para acadar estes fins contempla o financiamento de actividades en catro apartados. Son "Fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega", "Sociolingüística e toponimia", "Fomento do emprego do galego no comercio e na industria" e "Recoñecementos e distincións".

Para solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas deben carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.