O público encheu o pasado venres a sala do Museo Torres para escoitar a charla sobre "Os alcumes de Marín nos anos 50" que se desenvolveu dentro do ciclo de actos "O galego máis alá da literatura" que organiza a Asociación Queremos Galego Marín. Estivo impartida polo profesor de FP, filólogo e lingüísta Anxo Soto García.

Anxo Soto García dixo que cos centos de alcumes de Marín recollidos no libro feito nos anos 90 polo grupo Xarángallo Mángallo, e con outros moitos recollidos tamén pola marinense Enriqueta Otero e por el mesmo está a facer un estudo da orixe e do significado dos alcumes de Marín nos anos 50 do século pasado.

Os alcumes ou alcuños son os nomes que se lle dá coloquialmente a unha persoa ou familia, xurdido polas razóns máis diversas, con ou sen o beneplácito de quen o porta, e que pode tomar como base as características físicas ou morais, reais ou inventadas deste.

Longa tradición en Galiza

Na Galiza hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non teñen ou tiveron un. O alcuño desempeña dúas funcións fundamentais como é saber a que persoa ou familia nos referimos cando falamos por unha banda, e situalos nun espazo xeográfico pola outra. Un dos exemplos máis claros disto, son as notas necrolóxicas onde é habitual poñer xunto co nome e apelidos da persoa falecida, o seu alcume, se o tiver, para así facilitarlle á veciñanza a súa identificación.

Con todo, na actualidade o uso dos alcumes por distintos motivos está en franca regresión, sobre todo en áreas urbanas, podendo incluso chegar a perderse moitos dos alcumes tan pronto desaparezan as persoas maiores que os ostentan, desaparecendo así un aspecto moi interesante da cultura galega.