O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou onte a aprobación no Consello da Xunta da nova orde do Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria que incentiva a contratación de desempregados nos concellos do rural de menos de 10.000 habitantes e que no 2016 destinou 51.500 euros aos concellos da comarca de Pontevedra.

Cores Tourís explicou que a Xunta acaba de aprobar o investimento de cinco millóns de euros para impulsar en 200 concellos do rural a contratación de máis de 500 persoas sen emprego a través de Aprol Rural. A iniciativa está dirixida a entidades locais con menos de 10.000 habitantes co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

Deste xeito, no 2016, estas axudas permitiron a contratación de 8 traballadores nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Soutomaior durante 9 meses a tempo completo. Na provincia de Pontevedra o montante total destas axudas foi o ano pasado de 542.000 euros que permitiron a contratación de 86 persoas desempregadas.

Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de 6 a 9 meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.

Tal e como explicou o delegado territorial, mantense na nova convocatoria que as contías por cada traballador contratado poidan oscilar entre os 9.000 e 16.200 euros segundo o grupo de cotización do que se trate. "Terán preferencia nas contratacións os colectivos prioritarios en todas as políticas activas de emprego que desenvolve o Goberno galego, como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e aquelas persoas pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro", engadiu Cores Tourís. Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de 6 a 9 meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.

Aprol Rural forma parte do programa Formación e emprendemento no rural que este ano activou a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns para fixar poboación nas zonas menos habitadas de Galicia.

Do que se trata con este programa é de incentivar a contratación nestas localidades, incrementar a oferta formativa no rural adaptada á demanda das empresas e aumentar os niveis de emprendemento e de creación de empresas con medidas xa postas en marcha como a Formación á porta, os laboratorios cooperativos ou a liña de axudas Galicia Emprende Rural.

Esta iniciativa se enmarca na Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020.