Apicultores, voluntarios e membros de varias agrupacións de Protección Civil do Umia dan o primeiro paso para a constitución da primeira asociación comarcal destinada á loita contra a vespa velutina.

O obxectivo é a creación dun colectivo que continue o traballo que ven realizando dende hai meses o grupo Stop Velutina Barro na retirada e eliminación dos niños deste insecto asiático situados nas árbores e entornos das vivendas.

A primeira xuntanza para a constitución desta asociación será hoxe, ás 21 horas, no salón multiusos do Concello de Barro.

O encontro, dirixido a apicultores, voluntarios de Protección Civil e público en xeral, será unha reunión de traballo na que se dará información sobre a futura asociación e acordaranse as actividades a realizar.

Asimesmo, presentarase un informe sobre os niños eliminados polo grupo Stop Velutina Barro e os que están todavía pendentes de retirar.

Este grupo, coordinado por José Sanmartín, recibe cada vez máis chamadas de veciños solicitando a súa intervención e leva retirado en dous meses máis de 50 enxames, gran parte deles desbotados polo servizo do 012 da Xunta de Galicia por estar a excesiva altura.

Precisamente, neste sentido Stop Velutina Barro reclama a colaboración da Xunta, tanto en aportación de insecticida, como en medios aéreos e axudas para facer frente ao custe dos escaladores.

Ademáis, fai un novo chamamento para que as autoridades tomen conciencia da praga que supón a presencia da vespa velutina sobre os viñedos e frutais.