A Deputación de Pontevedra iniciou as probas de acceso para incorporar os últimos funcionarios ao Plan Revitaliza de compostaxe: dous técnicos de xestión económico-administrativa (A2) con coñecementos en materia de residuos municipais que prestarán apoio nas funcións de asesoramento e redacción nos regulamentos, ordenanzas fiscais, estudos económico-financeiros e plans de residuos municipais relativos á compostaxe para os concllos da provincia.

Pasaron o exame cinco candidatos, que se enfrontarán ao suposto práctico proposto polo tribunal nesta última semana de agosto. Os dous mellores examinandos quedaranse coas prazas e incorporaranse ao traballo efectivo a mediados de setembro. Estes funcionarios por programa sumaranse aos 18 técnicos xa incorporados, seis técnicos de xestión de lixo e doce mestres e mestras composteiros que darán servizo aos municipios que aplicarán a compostaxe como sistema de xestión de lixo.

Hai que lembrar que seis concellos da provincia -Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, As Neves e O Grove- "entrarán de cabeza" na compostaxe antes de finais de 2018. Así quedou definido nas subvencións concedidas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza o pasado 31 de xullo. Estas axudas provinciais permitirán aos concellos adheridos ter os seus correspondentes Plans Municipais de Tratamento de Residuos e adquirir - por valor 1.194.410,95 euros- os composteiros individuais, colectivos e a maquinaria necesaria para a implantación do novo sistema de tratamento.

Estes municipios serán os primeiros de Galiza en implantar a compostaxe e, a un tempo, en eliminar de xeito obrigatorio os colectores da chamada "fracción resto".