O XantaCaldelas, a xornada de convivencia entre a veciñanza e os emigrantes que volven a Ponte Caldelas durante o verán, estréase este domingo marcado polo éxito de asistencia. Máis de 500 persoas teñen xa reservada a súa praza, polo que volverá haber cheo na Alameda nun evento organizado polo Concello.

Esta primeira edición xurdiu ao aceptarse a idea formulada por colectivos de emigrantes ao goberno local tripartito que demandaban un evento popular que servise para reencontrarse cos veciños que hai tempo que non ven. A data escollida foi este domingo, día 6 de agosto.

Consistirá nun xantar a cargo dun restaurador e cun menú a base de entrantes de empanada e embutidos ibéricos, primeiro prato de polbo á galega, segundo prato de richada con cachelos, postre e café, ademais da bebida. A animación musical estará a cargo do trío Extra. Todo a un prezo de 10 euros.

O prazo de inscrición rematou, pero nestes últimos días se están a recoller as últimas atendendo ás peticións de varias persoas que pediron facer o pagamento despois do día 1. As solicitudes recóllense no Concello e o ingreso débese realizar na oficina de Abanca.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que a demanda rexistrada superou todas as expectativas, ata o punto que xa non é posible coller moita xente máis. O restaurador encargado do menú esixía un mínimo de 50 participantes e quedou abraiado cando lle dixemos que terá que cociñar para máis de 500, explicou.

Díaz recalca que moitos dos inscritos están en grupos, que deberán presentarse conxuntamente antes de acceder ao recinto da Alameda, co obxectivo de que a organización poda reservarlles sitio para sentar todos xuntos.