A Deputación de Pontevedra entregará mañá sábado de balde 4.000 lotes de compost e plantas de tempada na Praza da Ferrería entre as once da mañá e a unha da tarde. O obxectivo será informar á cidadanía sobre a compostaxe, concienciar sobre a necesidade ambiental e económica de tratar o lixo orgánico de forma natural, e demostrar a todos os cidadáns a alta calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe que están instalados nos concellos da provincia ao abeiro do Plan Revitaliza.

Con este acto a institución provincial quere celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, que oficialmente foi o luns 5 de xuño,con toda a cidadanía. Entregaranse máis de dúas toneladas de compost (equivalente a uns 4.000 litros) repartidos en bolsas con pequenas mostras xunto con dípticos informativos sobre compostaxe. Para completar o lote, tamén se repartirán 4.000 plantas de tempada (xeranios, alegrías, petunias?) aportadas polo Concello de Pontevedra, de xeito que ao chegar á casa, cada veciño poderá fertilizar a súa planta de xeito natural e comprobar o seu crecemento.

O reparto será de 11 da mañá á unha da tarde na Ferreiría, onde se instalará unha carpa e varios stands que serán atendidos por unha ducia mestres e mestras composteiros da Deputación de Pontevedra. Estes respostarán as dúbidas dos asistentes, pero tamén se instalará un panel explicativo no que se mostran as tres fases do proceso que pasa o lixo orgánico que chega aos centros de compostaxe comunitaria para finalmente se converter en compost.

Este reparto de compost que se fará na Ferrería é o primeiro de carácter masivo que se realiza en Pontevedra. Ata o de agora só se entregara compost no barrio de Monte Porreiro aos veciños que participan na compostaxe.

Nos dípticos informativos que se repartirán o sábado explícase de xeito moi sinxelo que o lixo orgánico que se xera nos fogares, restos de comida e vexetais, pode ser aproveitado e retornado á terra en forma de fertilizante para as plantas e os cultivos: o compost. De xeito, incídese en que tratar de xeito separado a fracción orgánica é fundamental para contribuír á reciclaxe, xa que máis do 50% da bolsa do lixo é compostable.

Deste xeito dase resposta a preguntas como "Que é a compostaxe?", a maneira de converter os restos de comida e vexetais en fertilizante natural. "Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos leñosos e secos de podas, aserraduras, follas...", asegura o documento.

Actualmente, a veciñanza pode compostar nos centros comunitarios de compostaxe que a Deputación xa instalou nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.

En vindeiras datas está previsto que os concellos de Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Porriño, Rodeiro, Rosal, Salvaterra, Silleda e Valga se sumen á iniciativa.