A "Carreira Ancha" da parroquia de A Insua acolle este próximo sábado, día 10, a terceira edición da Xuntanza Folk Follas de Olivar, baixo o impulso da asociación cultural "Nós tamén imos". Un certame que xa o ano pasado concitou a asistencia dun milleiro de persoas ao longo de todo o día.

O alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Lito Muíños, recibiron onte a Julio César Darriba e Emilio Baqueiro, directivos da asociación, cos que pecharon os detalles dunha xornada coa que o Concello colabora participando no acondicionamento do recinto, a achega que a asociación recibe a través do Plan Cultural, a instalación dun xerador de electricidade e a edición e impresión do cartaz.

Os promotores explicaron que a experiencia deste festival comezou cando decidiron transformar o antigo Serán nun festival folclórico. A primeira edición estivo chea de dificultades e, ademais, o tempo non acompañou, pero xa o ano pasado comezaron a recoller os froitos, pois asistiron case todos os veciños, ademais de visitantes chegados de concellos próximos, e mesmo de puntos afastados de Galicia onde se celebran festivais irmáns.

O programa da Xuntanza Folk comeza ás 12 da mañá e continuará ata as 4 da madrugada aproximadamente. Actuarán os grupos Nós tamén imos, Calcetín Furado, Sobre Rodas (dúo de zanfoñas de O Viso), o pallaso Peter Punk (de Cangas), Trouleada, Os Xeitosos (de A Insua), Carapaus (de Santiago) e Ardentía (de Vigo).

Os asistentes tamén poden repoñer forzas nos postos de polbo, churrasco, empanada, pementos de Padrón e tortillas.