O Ateneo Santa Cecilia entrega hoxe, co gallo do Día das Letras Galegas, os premios do III Concurso de Relato Curto "Marín conta". O acto, aberto ao público, celebrarase ás 13.00 horas no Museo Manuel Torres. O xurado, formado por Claudina Fernández, Elena Gallego Abad e Fernando Goldar, destacou a orixinalidade e a variedade temática dos textos escolares presentados ao certame, escritos en lingua galega e relacionados con Marín.

Na categoría de Educación Primaria, cunha abundante participación do alumnado marinense, o primeiro premio foi para a obra titulada "O mexilón e a vieira", de Martín Torres Martínez, alumno do Colexio Inmaculada.

Tamén pertencen a este centro educativo o segundo e o terceiro clasificados, respectivamente: Daniel Antón Villegas Martínez polo texto "O misterio dos peixes", e Pablo Hermida Meira, autor do relato titulado "O pobo de Marín".

No apartado de Educación Secundaria, a gañadora do primeiro premio foi Ainhoa González Fernández, alumna do IES Mestre Landín e autora de "Fin do xogo". Tamén estuda neste centro a segunda clasificada, Jessica Ogando Chapela, que presentou o relato "O Ford negro", mentres que en terceiro lugar foi elixido o texto titulado "Supervivente", de Ana Barros Fernández, do Colexio Inmaculada.

Por outra banda, o grupo Picuíña ríndelle homenaxe a Manolo Cristos no transcurso da celebración do Día das Letras que organiza o Concello de Marín. "Picuíña" acompaña o acto do Concello onde se fai entrega dos Premios do Día das Letras Galegas e que premia a escolares e adultos. Durante o mesmo farase un recordo a Manolo Cristos como impulsor coa súa familia do San Miguel. Posteriormente será o Ateneo Santa Cecilia o que faga entrega dos seus premios.

Venres no Ateneo

Por outra banda, este venres 19 de maio a programación cultural do Ateneo ofrece dúas actividades que se celebrarán no Museo Manuel Torres: a presentación do libro "Galegocalantes e galegofalantes" coa presenza do autor, Carlos Callón, ás 20.00 horas; e o recital do grupo Añoranza a partir das 21.00 horas, cun repertorio a base de música galega tradicional e composicións propias.

As orixes do grupo Añoranza remóntanse ao ano 2000, cando un grupo de amigos pasou de amenizar as xuntanzas familiares a actuar nunha romaría. Outros músicos profesionais foron incorporándose á formación, que dende entón vén participando en festivais e programas de televisión, ata o lanzamento do seu primeiro disco, que contén pezas do folclore popular e cancións de nova creación.