"En galego, sen cancelas", será este ano o lema da carreira polo galego Correlingua. Iniciará o seu percorrido pola provincia o vindeiro martes, día 9, en Moaña. Continuará ao día seguinte en Pontevedra, onde centos de nenos, alumnos de colegios do entorno da cidade do Lérez, disfrutarán desta proba non competitiva que busca reivindicar o emprego da nosa lingua.

Hai que lembrar que o Correlingua está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e pola Asociación Socio Pedagóxica Galega, e que conta coa colaboración de numerosos concellos de todo o país e co das deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Neste sentido, o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, insiste en que "o Correlingua xa está implantado con éxito en todo o país e en todas as idades, pero segue a ser unha iniciativa moi necesaria para que o noso idioma se manteña vivo na rúa, na familia e na nosa vida cotiá".

O Correlingua é unha actividade escolar que dura todo o curso. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado traballa e reflexiona sobre a situación do idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país a fin de promover a normalización do uso do galego nos centros escolares.