O Ateneo Santa Cecilia convoca aos seus socios a unha asemblea extraordinaria que se celebrará o vindeiro xoves 11 de maio na Biblioteca Pública Vidal Pazos, ás 20.30 horas en segunda convocatoria. O único punto na orde do día é informar sobre as xestións realizadas pola xunta directiva para dotar a entidade dun novo local.

Seguindo o mandato da asemblea celebrada o pasado mes de febreiro, o Ateneo optará á compra dun local que reúna as condicións necesarias para almacenar o patrimonio artístico, documental e bibliográfico que a entidade foi acumulando ao longo da súa historia, ademais de continuar desenvolvendo a atención ao público e o traballo a prol da cultura a través da organización de exposicións, presentacións literarias e actuacións musicais, conferencias e funcións de teatro, xunto co mantemento das tradicionais celebracións do Entroido, a Festa dos Maios e a Danza de Espadas.