A programación cultural do Ateneo de Marín ao longo deste mes de maio está dedicado ás Letras Galegas. Tralo recital poético de Tamara Andrés neste "Venres do Ateneo", a seguinte cita será coa Banda de Música do Ateneo Santa Cecilia, que interpretará un "Concerto de Primavera" este sábado día 6 ás 20.00 horas no auditorio ao aire libre da Finca de Briz -en caso de mal tempo, no Multiusos anexo á Praza de Abastos.

O seguinte "Venres do Ateneo" do día 12 contará coa actuación dun grupo de regueifeiros, ás 21.00 horas no Museo Torres.

O mércores 17, Día das Letras Galegas dedicado ao escritor Carlos Casares, celebrarase no Museo Torres o acto de entrega do III Certame de Relato Curto Marín Conta, dirixido aos escolares de centros de ensino de Marín e -atendendo á súa proximidade xeográfica, orixe e residencia de boa parte do seu alumnado- aberto tamén ao alumnado do colexio Sagrado Corazón de Praceres. Os participantes concursarán cun texto de creación literaria en lingua galega, de temática libre pero relacionado coa vila de Marín, e cunha extensión máxima de 500 palabras.

Os traballos deberán presentarse na sede provisional do Ateneo Santa Cecilia (Rúa Mendez Nuñez, 54 - edificio da antiga Notaría), tanto en persoa como por correo postal, e o prazo de recepción rematará o xoves día 11 ás 21.00 horas.

Para o venres 19 hai programadas dúas actividades: Carlos Callón presentará o seu libro "Galegocalantes e galegofalantes", editado por Xerais, e o grupo Añoranza dará un concerto cun repertorio a base de música galega tradicional e composicións propias.

Ao día seguinte, a Banda do Ateneo Santa Cecilia ofrecerá o "Concerto das Letras Galegas". A música continuará o venres 26 de maio coa actuación do grupo Solistas de Valga. A programación dedicada ás Letras Galegas rematará o 2 de xuño cunha conferencia do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.

Venres no Ateneo

Neste Venres do Ateneo, a poeta Tamara Andrés protagonizará o recital "Poesía en espiral", a partir das 21.00 horas na Biblioteca Pública de Marín, con entrada libre. Autora polifacética, ten publicado a novela "Amentalista" e o poemario "Nenæspiraes", co que gañou o Premio de Poesía O Facho 2015; galardón que se suma ao segundo premio do Concurso de Poesía Díaz Jácome e o IV Certame de Relato Curto da Fanpa Pontevedra, ambos en 2016. Ao longo deste ano sairá do prelo a súa nova obra poética, "Habit(u)ar las casas".

Natural de Combarro, Tamara Andrés é graduada en Tradución e Interpretación, titulada no Máster Universitario en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura, e no Máster para o Profesorado. Actualmente complementa a súa formación estudando Filoloxía Hispánica. Compaxina a súa actividade académica coa docencia.