O espectáculo 'O Poder do Arcabuz', un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media será o pistoletazo de saída do Ciclo Summun. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro. A obra poderá verse mañán, as 21 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra ao prezo de 16/14 euros.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, acompañada polo director do espectáculo, Quique Peón, presentaron a obra. Carme Fouces lembrou que "O poder do Arcabuz" marca o pistoletazo de saída do Ciclo Summum das artes escénicas que promove o Concello e que trae á cidade as obras máis relevantes do panorama estatal. "A estrea fase coa mellor escolla" subliñou a concelleira de Cultura pola calidade do espectáculo, pola temática e por coincidir co Día Internacional da Danza.

Á danza tamén aludiu o director da obra, Quique Peón, quen aproveitou a súa intervención para reivindicar a danza que "é a primeira das Belas Artes e hoxe a irmanciña pobre das artes escénicas".

O espectáculo "é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo", explica Peón, "trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas".

A compañía Quique Peón Cía. e o grupo de música e baile tradicional "Xacarandaina" xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. "O Poder do Arcabuz" fusionando distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días.

Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos.