A comezos do s. XX, a música tradicional recoñecida contaba nomeadamente coa presenza masculina, a voz feminina ficaba relegada ao mundo privado e local, escoitábase nas añas, nas mallas, nos seráns ?

A avoa de Felicia acunaba o berce da súa irmá, na casa natal en Fofe, no concello de Covelo, ao son das cancións que ela e a súa veciña botaban ao carón da lareira e da nena que comezaba así a súa andaina musical. Isto da música venme da miña avoa e da miña nai. Arredor do lume e do pote transcorría a vida, as cancións enchían os bandullos daquela rapazada, o frío e a fame facíanse máis levadeiros co ritmo dos dedais batendo na cabaza . Eu escoitaba a miña avoa e máis a outra velliña tocar,tocaban coa cabaza, cun prato ou con botellas de anís e eu empecei a tocar na cabaza con seis anos. Cando cocían , façian o pan de millo, fritían un ovo e o repartían entre os cinco nenos esmigallando o pan no prato .Eran tempos de moita necesidade, naceu en 1929 , a guerra e a posguerra marcan a súa nenez e a adolescencia. Aprende a ler e a escribir, xa de moza, cando ven unha mestra para a aldea.

Muda de residencia aos 22 anos, Paredes en Vilaboa acolle ao novo casal que forma con Antonio Agulla; acompaña ao seu home por León, Asturias, etc, na procura de traballo. As crianzas chegan e a solución da emigración impónse na precaria economía familiar, despois dun tempo de instalación en Alemania, Felicia decidíu acompañar ao seu marido, levou con ela a filla maior e deixou os outros tres ao coidado dos avós e avoas. Na limpeza de hoteis ou como axudante de cociña , esta muller miúda e incansábel, non deixou de traballar e malia a variedade de ambientes e paisaxes que percorreu, nunca esqueceu o seu recuncho natal e a súa afección pola música. Incorporaba ao seu repertorio con gran facilidade as cancións que escoitaba xa fora en León ou as que cantaban os portugueses no hotel en Alemania, escoitaba, recollía e quedaba con todo.

De volta á terra, comezou axiña a participar en diferentes actividades, con gran entusiasmo axudou a fundar a Asociación Cultural de Paredes , gozaba transmitindo o seu saber , sempre disposta a ensinar e a aprender. Colaborou en diferentes programas da televisión galega.

De temática popular, as letras das súas coplas saían das gorxas do pobo e a música xurdía das xuntanzas que sempre frecuentou (seráns, festas parroquiais, etc,), as airas e os furanchos acollían as interpretacións do grupo familiar composto por fill@s e net@s. Actuou con diferentes grupos. Cos oitenta anos ben pasados non deixou de acudir os sábados ás xuntanzas musicais celebradas polo país adiante.

Incorporaba de xeito natural as súas achegas á copla tradicional, o seu inxenio desbordante mesturaba a actualidade coa tradición, as improvisacións eran froito dunha gran creatividade. Non se arredaba diante do carácter atrevido dalgunhas estrofas, de contido sexual e pícaro, presentes na música popular. O carácter humorístico e a retranca formaban parte das interpretacións, nas que xogaban un papel moi importante os movementos escénicos, Felicia cantaba, tocaba e interpretaba as coplas con xestos e movementos.

A cabaza herdada dos seus antergos, con máis de dous séculos de antigüidade e os dedais de madeira de buxo ,forman parte do legado que deixou á familia, xunto coas dotes artísticas e un repertorio que soubo transmitir. A súa enerxía, o seu inxenio e a súa vitalidade aducían os grupos xuvenís que se achegaban onde ela.

Case sen folgos, aos 86 anos, mantiña con afouteza a vontade de participar coa A.C. Trepia ,na Aña urbana de Pontevedra , en abril de 2016. Sentíuse a súa ausencia na celebración, mais Felicia agardou até o día 25 para irse definitivamente e non murchar a ledicia dos cantos da festa.

Depositaria de todo un legado musical popular, converteuse nunha das derradeiras cantareiras de tradición oral. A súa voz erguíase con forza fronte a todo tipo de imposicións de gustos alleos, na celebración das nosas festas, a súa música mantiña viva a esencia da nosa cultura musical.

Despois de un ano de ausencia, esta lembraza únese ás homenaxes que recibiu en vida. Recoñecemos na súa figura o papel importante da muller galega na conservación da música tradicional, parte fundamental do noso Patrimonio Inmaterial.

* Ensinante