A oferta de lecer en Ponte Caldelas durante esta fin de semana é toda unha tentación para os amantes das festas populares e tamén para os fans do mundo do motor. O municipio acolle o Serán de Regodobargo, neste emblemático lugar, e a terceira edición da Concentración Moteira, que dinamizará o centro urbano.

O Concello agarda, tendo en conta as previsións meteorolóxicas, a visita duns dous milleiros de visitantes tendo en conta a variada oferta que se concentra na xornada deste próximo sábado, día 22.

A xornada comezará coa Concentración Moteira, que despois das dúas citas dos anos anteriores, ben pasadas por auga, poderá gozar dunha xornada solleira. O programa arranca as 15 horas coa recepción na explanada de Chan da Barcia. A partir de aí haberá comida nos establecementos locais, paseo en moto pola contorna, unha exhibición do campión galego de quads, Dani Pérez e o sorteo de regalos doados polo comercio local. A animación inclúe tamén unha sesión de zumba.

Está confirmada a presenza de máis dun milleiro de moteiros procedentes de toda Galicia e tamén dalgúns afeccionados ás dúas rodas chegados dende Portugal, polo que o bo ambiente está garantido de antemán.

O Serán de Regodobargo é unha festa organizada polos veciños e coa que o Concello implícase especialmente dende este ano. A comisión organizadora foi recibida onte polo alcalde, Andrés Díaz, para pechar o programa e pechar os últimos detalles.

Comezan os actos ás 21 horas no recinto de festas cunha degustación de ourella, chourizo, pane viño para todos os asistentes. Ao remate haberá unha gran chocolatada con biscoitos. O recinto estará cuberto cunha gran carpa que achega o Concello e non faltará tampouco a música tradicional e o bo ambiente.