Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedro Peón: "O Pradicador é un gran descoñecido malia que existe en Pontevedra dende fai séculos"

O herdeiro dunha saga de Pradicadores disertará o vindeiro día 11 sobre esta figura tradicional do Entroido da comarca capitalina

Ramón Peón, descendente dunha saga de Pradicadores da comarca de Pontevedra. // FdV

A Casa da Luz será escenario a partires do vindeiro día 9 de marzo das Xornadas sobre o Entroido de Galiza. Nesta quinta edición do ciclo que celebra a Sociedade Antropolóxica Galega un dos ponentes será o pontevedrés Pedro Peón, que disertará sobre "Os Pradicadores". Trátase dunha figura moi pouco coñecida e que resume o mellor do Entroido galego: talento, sátira, improvisación, participación popular?

-E o Pradicador unha figura típica do Entroido da comarca de Pontevedra?

-Si, a figura do Pradicador existiu sempre no Entroido de Cobres, que lle chamaban tradicionalmente a Corrida do Galo, e é un dos máis senlleiros de Galicia cos de Ourense, de feito celebrouse sempre, incluso durante a dictadura. Eu acompañaba a meu pai, que tamén foi Pradicador moitos anos, e a miña función daquela como non existía tecnoloxía e él quería representar moi ben, así que eu facíalle de apuntador, apuntáballe o sermón, ía chivandolle o verso seguinte.

-Como era o pregón do Pradicador?

-Estaba moi ben, facíase nun pequeño palco de mimosas e básicamente era un saúda, sempre máis ou menos semellante, e eu herdei de meu pai unha entrada que tiña e que quixen conservar, cunha ducia de versos. E despois dese saúda empezaba unha crítica polo máis xeral, a política internacional, o andar do mundo, as guerras que era o que máis se salientaba, e despois víñase axegando, era un repaso a España, e xa máis próximo a Galiza e, por último e antes da despedida viña o que máis agradecía a xente nalgún tempo, que era a crítica local. Os propios organizadores informaban ó Pradicador daquelas cousas que pasaban pola aldea, e eso era o número forte (sorrí), antes da despedida. Todo esto duraba como unha media hora. Non había megafonía claro, e meu pai tiña falado a berros e despois pasar o pobre 15 días afónico, pero a xente tiña tal afición a escoitalo que estaban todos alí diante caladiños e se facía gracia eles aplaudían ou rían.

-Descende vostede dunha saga de Pradicadores.

-Foi meu bisabó, meu abó, Xosé Peón Peón, meu pai e despois eu. Falamos dunha festa casi anónima porque recentemente ocuparonse xa os antropólogos de espallar un pouco esta figura, pero nos tempos do franquismo a pesares de que se celebraba sempre a xente máis próxima, a de Pontevedra, ignoraba completamente o que era esto. Eu ía á escola e ao instituto e á xente non lle soaba o Pradicador porque o Entroido estaba bastante reprimido; o Pradicador é un gran descoñecido malia que existe aquí en Pontevedra dende fai séculos. Xa antes que meu abó o seu propio pai facía de Pradicador, non sei se no Entroido de Cobres pero pode que noutros o unas chocalladas que se facían polas aldeas, tamén aquí na comarca.

-Como facía o discurso seu bisabó?

-Teñenme contado que non sabía escribir e que memorizaba todo canto se lle ocorría, tamén sempre foron unha especie de debates populares que había que escribir en verso, a rima soía ser asoante, unha rima coma a das cantigas.

-Como era o Entroido de Cobres 50 anos atrás?

-Aquelo non tiña nada que ver co que é hoxe, prácticamente non había estradas, tiñamos que ir por camiños de carro, o Entroido facíase nunha das parroquias, normalmente nunha aldea de San Adrián xa tirando cara o monte, e formabase nunha leira que lle cortaban a erba a rentiño, montaban aquella especie de escenario feito con mimosas e alí tocaban os gaiteiros, bailaba a xente e sempre houbo os Galáns e Madamas, tan coñecidos coas súas fitas e os seus coloríns, pero daquela sorprendíame sendo eu rapaz porque levaban enriba canto de valor había o redor. Aquelas mulleres e aqueles rapaces ían cargados de kilos de ouro, pedían prestado pola aldea as alfaias, os aneis, as pulseiras, e o reloxio daquela era un artículo de luxo e eles recordo que levaban os brazos todos cubertos de reloxios, desde o hombreiro ata o pulso. Logo, rematado o Entroido, tiñan a tarefa de devolverle a cada un o seu, e nunca pasou nada, nunca houbo roubos nin atracos, sempre foi unha festa bastante san.

-Por que se chabama Corrida do Galo?

-Porque a figura central era un galo que enterraban no chan, deixábanlle a cabeza fora e arredor del formábase unha escolta de xente disfrazada cos catro trapos que tiñan pero o que sí levaban todos era unha boa vara ou un sacho na man. E o xogo consistía en que o atrevido que pasara polo medio daquela escolta e arrincara o galo do chan e salira con él a correr fóra dun espacio imaxinario que delimitaban eles quedábase co galo, pero non era doado. Unha vez chegou un gobernador, un tal Xurxo Parada, e deulle por prohibir a festa por empregar un galo vivo, non se meteu así cos touros, para nada, pero si cos labregos, e a min de tódolos xeitos pareceume ben porque o animal acababa despezado. E despois cambiaronno por unha serie de cucañas no río e vertical nun pau ensebado e o galo alí arriba.

-Perdeuse gran parte do espírito orixinal do Entroido? Hoxe é máis estética que verdadeira celebración popular?

-O entroido urbanita é prácticamente igual en todas as vilas, trata de imitar ó canario que á súa vez imita ao de Río de Janeiro, con toda esa percusión, comparsas, garotas, esas cousas que realmente son inxerencias, e pola contra están desaparecendo, como desaparece todo no rural, os Entroidos reais. De feito os que se recuperaron nos últimos anos é porque traballan neles grupos de xente que moitas veces non viven alí, viven en Barcelona, en Madrid ou noutras cidades de Europa e veñen á aldea, onde literalmente nos estamos quedando sós, simplemente para celebrar esa festa porque ten outro sabor, non ten nada que ver co Entroido urbanita que non é en absoluto participativo, é unha especie de exhibición.

Compartir el artículo

stats