Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Só un de cada catro pontevedreses fala o galego sempre ou de xeito habitual

O municipio ocupa o cuarto lugar das sete grandes cidades no uso maioritario da lingua -O 75 por cento dos veciños de Pontevedra recoñece que podería falar ben o idioma

Nenos participando nunha edición pasada do Correlingua en Pontevedra. // Rafa Vázquez

A lingua galega atravesa un dos seus momentos máis complicados, segundo a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. De acordo cos datos facilitados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, en base ás estatísticas máis recentes do IGE, menos do 25 por cento dos pontevedreses falan o galego sempre ou de xeito habitual, fronte a un 75 por cento que utiliza maioritariamente ou sempre o español. Isto sitúa ao municipio no cuarto lugar no listado das setes grandes cidades galegas respecto ao uso da lingua galega.

No Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra cada 21 de febreiro, segundo a UNESCO, infórmase de que pouco máis do 8 por cento dos pontevedreses falan sempre en galego, fronte a preto dun 44 por cento que usan o castelán en todo momento. Deste xeito, Pontevedra sitúase despois de Ferrol, Vigo e A Coruña, no ranking de cidades nas que o galego é o menos utilizado.

Incluso cando hai que falar dun uso parello, o galego segue a saír perdendo, xa que é a metade a porcentaxe de persoas que o utilizan máis que o castelán, un 16 por cento, que viceversa, un 32 por cento.

Segundo a estatística, as cidades galegas nas que o galego goza de máis uso son Lugo e Santiago de Compostela, que se achegan a un 50 por cento de poboación que o utiliza sempe ou maioritariamente na súa vida diaria. Séguenlles Ourense, cun 38 por cento, e, moi de lonxe, Pontevedra, cun 25 por cento. Os últimos postos son para A Coruña (21 por cento), Vigo (19) e Ferrol (15).

Neste sentido, toman especial importancia as relacións lingüísticas entre pais e fillos, o que vai condicionar o futuro uso da lingua. Desde xeito, a estatística asegura que a preto dun 40 por cento dos pontevedreses os seus pais lles falaban sempre (23 por cento) ou case sempre (16 por cento) en galego cando eran nenos.

Pola contra, a un 60 por cento dos veciños do municipio lles falaron sempre (20 por cento) ou case sempre (40 por cento) en castelán.

Na actualidade, o número de fogares nos que todos os seus membros, de 5 ou máis anos, falan habitualmente castelán é sete veces maior que os dos que falan habitualmente galego. Son 6.941 fronte a 953. Nesta liña Pontevedra ocupa o terceiro peor lugar no que se refire a uso do galego respecto ás sete grandes cidades galegas. Só a superan Ferrol e A Coruña.

Curiosamente, son máis os pontevedreses que din ter problemas para entender, pouco ou nada, o galego escrito que os que se atopan con esas mesmas trabas na fala. Un 80 por cento fronte a un 90 por cento.

Tamén é interesante a información relativa ao número de persoas que din saber falar galego, o cal non quere dicir que o utilicen, nin nas súas vidas privadas nin laborais. Son un 75 por cento dos pontevedreses. Pola contra, só un de cada catro di saber falalo pouco ou nada.

No que respecta aos medios polos que aprenderon a lingua, difiren se se trata da falada ou da escrita. No oral, a maioría (68 por cento) aprenderon da familia ou na escola (50 por cento), unha orde que dá a volta cando se trata do galego escrito, aprendido na escola polo 65 por cento dos pontevedreses e por un 35 por cento no ámbito familiar.

Compartir el artículo

stats