A Asociación Queremos Galego Marín organiza dentro da súa sección "Ser Lingua non é fácil" a presentación dos dous últimos traballos de investigación do filólogo, investigador e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas. O primeiro dos libros "O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura)", é o resultado de vinte anos de continuas visitas do autor á zona para recoller material que en forma de artigos debulla con paixón e claridade expositiva, entre outros aspectos, a onomástica e a historia do galego na zona, fai a hipótese sobre o mantemento da fala e a súa polémica adscrición lingüística e fai unha completa caracterización fonética, morfosintática e léxica. O segundo dos libros, "Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega", trátase dun estudo onde o autor analiza como moitos medios de comunicación se inventan xentilicios nas súas novas, e como estes callan na sociedade ao non existir xentilicios derivados do topónimo no 90% dos lugares de Galiza e demais territorios de lingua galega. O acto será hoxe, as 20 horas, na Biblioteca Pública.