A Banda de Música Unión Musical de Tenorio vai celebrar mañán, a novena edición do seu serán, que nesta ocasión está adicado á figura do intelectual, político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cando se cumpre o 130 aniversario do seu nacemento. Esta actividade foi presentada por membros do colectivo e polo presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no local social da banda.

O espectáculo, que conta coa colaboración do Concello e da Deputación, está plenamente consolidado no calendario cultural do municipio e conta con moitos siareiros tras case unha década. O serán pretende ser unha actividade moi interactiva e por iso convídase á participación de todos os asistentes, que poderán cantar, bailar pezas e tocar temas misturándose cos compoñentes da formación cotobadesa.

O serán terá lugar dende as 21.30 horas no local social da banda e prolongarase ata ben entrada a noitiña dependendo da colaboración do público.

Con esta especial actuación, a Unión Musical de Tenorio poñerá fin ás actividades do presente ano, xa que se trata do derradeiro espectáculo tras os recentes concertos en Pazos de Borbén e na Gala do Nen@ organizada por Os Trazantes de Tenorio. O rexedor valorou moi positivamente o "traballo e esforzo así como a gran aposta pola cultura e a música" que fai a formación cotobadesa durante todo o ano.