Co Patrimonio como eixo temático a Deputación coordinou a presenza de 35 concellos da provincia na edición do Culturgal que vén de pechar as súas portas. Unha aposta que suscitou grandes expectativas ao redor do posto da Deputación e reuniu a numeroso público nos momentos nos que os concellos realizaron as micropresentacións das súas propostas culturais. Hai que lembrar que nesta edición, o departamento de Cultura provincial deulle a opción aos concellos da provincia de participar no Culturgal con información relativa ao Patrimonio, tanto impresa como audiovisual, e con pequenas presentacións de 5 minutos nas que expoñer algunha iniciativa relevante relacionada coa temática elixida.

Tras a experiencia da fin de semana, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal sinala que "vendo o éxito que no Culturgal tivo o Patrimonio como temática entre os concellos, permítenos ter unhas expectativas altamente optimistas de cara o que vai ser o ano 2017 a nivel cultural na provincia".

Ao igual que na pasada edición, a Deputación apostou por poñer o seu posto a disposición dos concellos cunha dupla finalidade, a de dar a coñecer a riqueza cultural da provincia nun contexto especializado e o de propiciar que programadores e programadoras culturais das localidades se achegaran á Feira. O deputado cualificou esta aposta e este esforzo por parte dos 35 concellos participantes como "un moi bo augurio do que vai ser o 2017, porque o Culturgal só foi un punto de partida, e agora o que esperamos é que a aposta por difundir e dar a coñecer o patrimonio da provincia se manteña non só no 2017, senón que se prolongue no tempo con iniciativas culturais que o valoricen e o difundan".

Xa fóra do posto, e no programa xeral da Feira, o deputado provincial de Cultura e Lingua presentou as liñas xerais do Ano do Patrimonio o sábado, e participou ao día seguinte na presentación do libro 'Repente Galego', o primeiro estudo sobre a improvisación en verso na Galiza, promovido pola Asociación ORAL e editado polo Servizo de Publicacións da Deputación.

Pero ademais de punto de partida do Ano do Patrimonio, neste Culturgal a Deputación mantivo dúas iniciativas como colofón do Ano Castelao. Dunha banda, puxo a disposición dos máis cativos e cativas a app educativa 'As viaxes de Castelao', que se puido usar en varias tabletas no posto provincial. Pero sen dúbida o que foi o grande atractivo da Feira foi o photocall da Gala Ano Castelao situado na entrada da zona dos postos. Este elemento promocional foi o gran punto de encontro da fin de semana e as imaxes xeradas poderán verse e compartirse a través do Facebook oficial da Deputación. Unha iniciativa, que Xosé Leal cualifica "como o colofón de todo o programa de actividades que se foron realizando ao longo de todo o ano.