As administracións públicas desvincularon das cifras de asistentes o éxito da novena edición do Culturgal, patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, celebrou a afluencia de público. "No caso do Culturgal hai que valorar máis as cuestións cualitativas que as cuantitativas", dixo respecto ás cifras de asistentes.

"Tivemos moitos visitantes polo estand da Deputación, que queren coñecer a actividade patrimonial que os 35 concellos da provincia inscritos trouxeron ata aquí. Estamos moi contentos coas micropresentacións", considerou.

En canto a que a feira se siga a celebrar na cidade de Pontevedra, subliñou que "o Culturgal xa está asociado á cidade e ao seu modelo urbano e a súa excelencia, nese sentido é o mellor dos marcos onde se pode celebrar". "Que haxa mil primaveiras máis do culturgal e que sexan no concello de Pontevedra ou na provincia", concluiu.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, considerou que o máis importante "é a intensidade coa que vives unha feira". "Se a feira nos sirve para o que nos ten que servir, que é coñecer novos proxectos e contratar novas ideas, é sempre interesante. E desta o Concello forneceuse de información para o ano 2017. De aquí sacamos ideas e contratos", informou.

"Coma calquera proxecto, o importante é a consolidación. Todo proxecto cultural precisa referencia e motivación, tanto económica como a outros niveis. A organización do Culturgal está a facer un grande esforzo cuns medios económicos moi xustos para amosar a todo o territorio galego o que se está a crear aquí", opinou. Neste sentido, augurou moitos anos máis para a feira, en base tamén aos cambios que sufrirá nas vindeiras edicións.