"Telearqueoloxía", o I Festival de Curtamentraxes sobre o patrimonio da provincia de Pontevedra mantén aberto o prazo de inscrición de curtas ata o vindeiro 10 de novembro. Hai que lembrar que este festival contempla premios en dúas categorías, adultos e menores de idade, que suman un total de 10.000 euros. Así, o primeiro premio da "Categoría Bifaces", para maiores de 18 anos, contempla unha dotación de 3.000 euros, o segundo 2.000 e o premio do público 1.500 euros. Na "Categoría Lascas", entre 12 e 18 anos, o primeiro premio está dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.250 e o premio do público con 750 euros. Nesta categoría as curtas presentadas a concurso deben ter un máximo de 5 minutos de duración, mentres que na categoría Bifaces a duración máxima é de 15 minutos.

Este festival de vídeo-investigación sobre o patrimonio arqueolóxico fora presentado o pasado mes de maio, data na que iniciou o seu percorrido por distintos puntos da provincia con obradoiros informativos e formativos tanto en centros escolares como en concellos e entidades relacionadas coa arqueoloxía. Contou ademais coa colaboración de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como docentes e investigadores.

Entre os meses de maio e xullo realizáronse un total de 17 obradoiros informativos sobre o proxecto, nos que colaboraron 24 entidades e 33 persoas físicas. Entre as entidades colaboradoras destacan concellos como os da Guarda, Ponte Caldelas, Vigo, Ponteareas, O Grove, Valga, Lalín, Sanxenxo e Oia; e museos como o Quiñones de Leon, o Verbum, o Museo do Mar de Vigo, o Museo da Citania de Santa Tegra, o Museo Massó, o Museo da Historia de Valga e o Museo Municipal de Ponteareas.