O Ateneo Santa Cecilia organiza a actuación dos regueifeiros Pinto de Herbón e Suso de Xornes, no programa do vindeiro "Venres do Ateneo". Será a partir das 21.00 horas, no marco do programa "Pontegal" da Deputación de Pontevedra.

Pinto de Herbón e Suso de Xornes protagonizarán un audaz desafío dialéctico baseado na espontaneidade, no enxeño e na orixinalidade para crear rimas. A regueifa é a manifestación máis estendida en Galicia dunha ancestral arte popular consistente na improvisación oral en verso. No acceso a este recital, os socios do Ateneo achegan unha doazón de 1 euro; 2 euros no caso dos non socios.

Por outra parte, a sala de exposicións do Ateneo acolle ata o 29 de outubro a mostra colectiva "Palabra de artista", protagonizada por creadores vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que puxeron en marcha unha iniciativa para encher os espazos urbanos de frases que moven o público á reflexión.