Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

Apontamentos sobre o teatro en Marín (I)

A proximidade da vila con Pontevedra capital e a liña de tranvía explicarían a menor actividade teatral na vila

Na vila marinense podemos localizar en 1892 unha denominada Compañía de Afeccionados de Marín que mesmo chegan a actuar en Pontevedra nestas datas. Non sabemos se este colectivo era local ou se era a mesma agrupación teatral que neste mesmo ano se formara entre a colonia veranega para presentar no Liceo pontevedrés varios "cuadros vivientes" denominados "El Harén", "La Guerra, la Paz y la Caridad". O que si sabemos máis certamente é que en 1895/96 xa existía na vila un pequeno teatro na rua Montero Ríos, aberto polo empresario local Manuel Arrufana de cuxo apelido tomaría o nome. Neste local, en abril de 1897 e baixo un mal tempo que minguaría a asistencia, actuaría a Compañía de Zarzuela do barítono señor Medina que ofrecería tres pezas tituladas "Niña Pancha", "El hombre es débil" e "El lucero del alba", nas que inteviñan o director a sua dona e os cantantes Urtasun e Alceaga. Aproveitando a presenza en Marín das coristas dunha ópera que se fixera en Pontevedra, estas presentarían días despois as obras "Chateaux Margaux" e "Los Carboneros", agora co teatro cheo.

Este espazo escénico sería utilizado tamén nestas datas para presentar unha Función a cargo dos membros do denominado Patronato Católico que xa andaban á greña coa competencia que lle facían os evanxelistas na captación de acólitos. Desde mediados de xullo deste ano, volvería actuar neste teatro a Compañía de Afeccionados de Marín que durante un tempo ofrecería obras como "Vivir con todos", "La romana de Ardán", "Un cura en Babia", "La fe por los pinos", "Tirar la piedra y esconder la mano", "Entrar con todas", "Cabeza parlante", "El agujero misterioso" e "El Juez de Coria". A comezos de setembro ocuparía a escena do Arrufana, o Trío España cun amplo repertorio musical de valses, aires andaluces e retallos de óperas e zarzuelas interpretados pola bandurrista Miss Zaida e os guitarristas A. Rebel e J. Asensio.

Non sabemos se por efecto da bandurrista ou por estar de moda este instrumento, o caso é que en febreiro de 1904, quizáis no Entroido, atopamos tocando en Bueu a un bandurrista de Cangas chamado Alejandro Carballo que merece figurar tamén nestes anais polo que tén de raro e orixinal.

Despois da xeira de obras que mencionamos, repetiría no establecemento do señor Arrufana, a Compañía de zarzuela cómico-dramática do señor Sepúlveda que xa actuara na capital e que como xa fixera en anos anteriores, aproveitaban para tomar baños descansar en Marín sen descoidar o entreno teatral... e pagarse as vacacións. Na sua longa estancia entre finais de agosto e primeiros de outubro, ofrecerían varias funcións, destacando obras como "Fuego del cielo", "Para casa de los padres", "La africana", "La cruz del matrimonio", "La Casa de Campo", "El pañuelo blanco", "Deshonra o muerte (monólogo)", "Un tigre de Bengala" ou "El Trovador". Posteriormente, a finais do mes de outubro, ocuparía este espazo escénico o autodenominado "El hombre sin estómago", que era un "tragatodo" que mesmo engulía pedras, que bolas de billar ou espadas. Sen sabermos se era o mesmo local mencionado anteriormente, cara 1906 constátase a existencia de un Salón Fénix no que se ofrecían espectáculos variados.

O teatro no ensino

Unha certa actividade teatral tamén tería lugar desde a sua fundación en 1891 no local do chamado Patronato do Centro Católico, precedente do colexio paul da Inmaculada Concepción ou da Purísima que rexentado polas Hijas de María abriría en 1912. Naquel primeiro local de ensino tiñan lugar con motivo das festas de final de curso, interpretacións de canto, piano e concertos, intercalando discursos, poemas, diálogos, monólogos e pezas teatrais. Outras datas para as representacións eran as de Nadal e Reis nas que as nenas executaban obriñas cuxos títulos aludían a estas datas, usando o salón do chamado Patronato do Centro Católico que se abría ao público. Incluso no Entroido, adoitaban encher estes días con interpretacións musicais, pezas de zarzuelas como "La bella condesita" ou dramas como "San Hermenegildo o el triunfo de la religión" que se ofreceu en 1905 por aquilo de combater o pernicioso destas datas.

Este patronato contaba con escolas de primaria e nocturna de adultos, impartindo tamén clases de deportes e de actividades artísticas e musicais, contando cun orfeón e unha agrupación teatral. Entre 1906 e 1926 estas instalacións do Patronato acollerían o Colexio San Luis Gonzaga que pola sua advocación deducimos rexentado por xesuítas, impartíndose nel ensino graduado, bacherelato e formación mercantil e militar. Por noticias do Nadal de 1913 coñecemos o programa que ofreceran nesta datas, ensaiado por dous profesores, e que incluía no apartado musical, tres pezas de barcarolas interpretadas polo coro de nenos, un cuarteto e un barítono. Na parte dramática, presentarían o monólogo en galego "O vello paroleiro", a farsa "Los tres gibosos de Egipto" e a comedia "Al pie del faro".

No ano seguinte de 1914, instalaríanse no hotel-balneario dos Praceres, que lles fora cedido, os xesuítas portugueses que procedentes de Bélxica fuxían do comezo da I Guerra Mundial e que xa no ano anterior foran expulsos de Portugal por mandado do novo réxime republicano. Na súa breve estadía de dous cursos neste centro, denominado Nun Álvares, os xesuítas lusos prepararían un programa músico- teatral para os días de Entroido como era adoito nestes casos nos centros relixiosos.

As actuacións da orquesta e do coro estiveron dirixidas polo músico pontevedrés señor Sanmartín e completaríanse cos dramas Silencio heróico e Educação inglesa do autor S. da Cámara Manoel, a comedia "Por um triz" e os xoguetes cómicos "Os dois teimosos" e "Quente ou fresco?". No festival de fin de curso de 1915 xa colaborarían o colexio da Inmaculada, aberto en 1912, e o de San Luis Gonzaga, ofrecendo o típico repertorio de números musicais, recitados, monólogos, actuación do orfeón e tres pequenas obras teatrais.

Os cafés

Nestas datas de finais do XIX tamén se ofrecían actuacións máis frívolas nos cafés, aínda que as que tiñan lugar en El Moderno de Pontevedra con audicións e cine, escaparían desta definición por máis serias, debido á sua clientela. Porén no Marín portuario, os espectáculos concentrábanse no chamado Café-Restaurant, frente á parada do tranvía, ofrecendo desta, a actuación de duas canzonetistas que enchían o local. A falta de espazos teatrais, de cartos e a mesma calidade dos espectáculos, propiciaba que, de cando en vez, fosen estes locais quen ofrecesen pequenas actuacións teatrais e de variedades en todas as vilas do Morrazo, sendo os de Marín quen levaban a palma en canto a frecuencia dos chamados frívolos.

O ser nas primeiras décadas do século XX, un dos portos de importancia da península, de certo que tiña moito que ver coa animación nocturna que se daría na vila entorno aos anos quince e trinta en dous cafés decorados con reproducións de cadros de coñecidos pintores. Un deles era o Café de La Marina de Félix Pola, antigo Café-Restaurant, que aínda que ofrecía tamén actuacións de prestidixitación, abondaban máis as cupletistas con nomes tan exóticos como "Geni Pon-Pon", "La Españolita", "Perlita y Redondini" ou "Los Niños de Triana". Outro local de sona era o Café Colón de Faustino de Santiago que presentaba cupletistas e bailarinas como as "Irmás Alonso", a "Bella Rotecler", a "Bella Fini" ou "La Trigueñita", incluíndo números musicais do "Terceto España", do violinista alemán Gelhaar ou do pianista Blanco Porto por aquelo da máis diversa, pero tamén selecta clientela que frecuentaba o local. Entre esta clientela debían figurar moitos obreiros portugueses (incluso había consulado deste país) que traballaban nas obras portuarias e para os que actuarían "La Chelo" e "La Esperancita" cun repertorio de fados. En abril do 1914, o Café de La Marina tamén se abre ao teatro cómico presentando ás señoritas "Irmás Gil Limera" que co señor Pérez Souto ofrecen diálogos cómicos como "El Maño dos Quintero" e outros como "Animal!" ou "Con Jarabe de Pico" de colleita propia.

Aproveitando estas alusións festivo-musicais, cabe apuntar naquelas datas de entre séculos, o arraigado costume de percorrer no San Xoán as rúas da vila cantándolle serenatas aos juanes e ás juanas, acompañándose da música de acordeón. Este instrumento tería moita difusión nas poboacións portuarias e neste Marín de comezos do século XX sería Francisco "O Norteiro" quen collería grande sona como acordeonista, prodigándose en canta voda, festa ou romaría se celebrase.

Compartir el artículo

stats