Coincidindo co centenario das Irmandades da Fala o Clube de Opinión Portocelo organiza un acto conmemorativo do a 140 aniversario de Ramón Cabanillas, "poeta da raza" e un dos precursores do secular movemento galeguista. Será o xoves 2 de xuño no Museo Manuel Torres e consistirá nunha disertación sobre "Ramón Cabanillas, o poeta das Irmandades da Fala", a cargo do Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e membro numerario da Real Academia Galega, e asesor da comisión do Ano Cabanillas. A esta conferencia seguirá un recital poético con poemas de Cabanillas ao que lle porán música Samu Acuña (voz e guitarra) e o grupo folcórico Pousos da Area, que colaboran con esta conmemoración. O acto contará coa presenza da neta do recordado poeta cambadés, Pitusa V. Cabanillas, gran defensora e promotora do legado cultural do seu avó.

Ramón Cabanillas foi outro dos intelectuais galegos que tiveron certa vinculación con Marín a través dos Xogos Frorais que organizaba aló polos anos cincuenta a Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia a quen cedeu o seu poema "Un piniño novo" para a promoción do añorado certamen poético e literario marinense.

Pola súa banda, a asociación Queremos Galego Marín tamén celebrou a conemoración do centenario, organizando a charla "1916-2016 Cen anos das Irmandades da Fala". Esta organización pódese considerar un dos fitos fundamentais da historia contemporánea do país. Foi un movemento de reivindicación da lingua, que por primeira vez, reclamou o seu uso pleno en todos os ámbitos da sociedade. A charla organizada por Queremos Galego contou coa intervención do historiador e profesor da Universidade da Coruña, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.