O Pazo da Cultura será escenario a partires de hoxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que comezará ás 18 horas con "As peripecias de Extravaganzza Pérez", un espectáculo creado específicamente para a ocasión e baseado no libro homónimo de Ledicia Costas, no que estará ambientado o Salón este ano.

A organización sinala que "os contos fusionaranse coa música nesta adaptación para teatro feita por María Lado no que Lucía Aldao porá a súa voz mediante cancións".

O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra correrá co acompañamento musical. As mesmas fontes engaden que "dende a súa creación hai máis de quince anos, este colectivo non cesou de traballar na dinamización deste estilo musical na sociedade por medio de ciclos, traballos discográficos ou, como neste caso, concertos didácticos para escolares".

A obra, que conta a viaxe de Extravaganzza na busca dos seus país, "transmitiralle a toda a familia valores coma o respecto pola natureza e o coidado dos animais", sinalan os responsables do Salón.

Éste abrirá as súas portas ás 19 horas co acto oficial de inauguración. Como inicio e esa mesa hora, Ano Fariña impartirá un obradoiro con entrada libre (ata completar aforo ) titulado "Extravaganzza en Pontevedra", no que os participantes poderán encher os ocos en blanco dun panel con rodas coas súas propias ilustracións.

Media hora máis tarde o público poderá asistir ao "Safari Contográfico" de Pavís Pavós. Este grupo de contadores de contos para público infantil formouse no ano 1996 en Pontevedra e "traballa principalmente en Galicia con contos en galego e tratando de recuperar contos, adiviñas, refráns, fraseoloxía e xogos propios", engaden as mesmas fontes.

Tamén ás 19.30 horas o Pazo da Cultura acollerá o contacontos "Algo está pasando en Ilusión Ártica", que correrá da conta da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia.

Trátase dun espectáculo de contacontos pensado para alumnos de Infantil e primeiro ciclo de Primaria e para o público en xeral.

O CSIC sinala que participará no Salón "cun programa de propostas dirixidas a centros escolares, docentes e público familiar".

Con estudiantes de quinto e sexto de Primaria desenvolverase durante 6 días un taller científico adicado ós ciclos de vida dalgúns dos insectos máis comúns na agricultura. Trátase de "Canta bichería no océano verdura", no que tamén colabora a Misión Biolóxica.

Tamén impartirá un curso de formación para docentes e a conferencia "Outros animais sorprendentes de 20.000 leguas baixo os mares" que correrá a cargo de Lara García Alves.

Como anticipo do Salón, onte inaugurouse na Biblioteca Pública Antonio Odriozola a exposición "Cocorico en movemento" .

Trátase dunha mostra baseada no pitiño do conto e agora tamén protagonista da serie da Televisión de Galicia "Cocorico". Na Biblioteca poderanse ver os capítulos da serie, escenarios, atrezzo e moitas máis cousas coas que o equipo de OQO filmes e o director Zé Carlos Pinto crearon esta produción de animación en stop-motion.

O Salón continuará mañá cunha chega de propostas como o teatro de títeres, obxectos e poético clown para bebés "pequeña Max", o obradoiro "Libro Xigante", contacontos, teatriños ou o espectáculo musical "A bichería canta!" de Migallas Teatro.