O exame para acadar unha bolsa de mestre composteiro do Plan Compost da Deputación de Pontevedra reuniu hoxe no pavillón de Príncipe Felipe a 309 aspirantes dos 443 admitidos. As cualificacións coñeceranse no día de mañá na páxina web www.depo.es, igual que a nota de corte para pasar á seguinte fase,a entrevista persoal, e a data desta.

As 20 persoas que superen estas dúas probas accederán ao curso de formación. Dentro deles, as dez mellores calificacións conseguirán as bolsas de emprego e serán as encargadas do mantemento dos primeiros centros de compostaxe comunitario que a Deputación repartirá polos concellos da provincia nos primeiros meses de 2016.

O vicepresidente César Mosquera subliñou "a transparencia e normalidade do proceso, que permitirá á Deputación contar con persoal de grande formación na posta en marcha do Plan Compost".

O nacionalista indicou que os mestres composteiros comezarán a traballar, se todo sae segundo o previsto, entre os meses de febreiro e marzo de 2016, cando os concellos xa terán os centros de compostaxe comunitarios instalados, logo da selección de proxectos que a Deputación realizará no mes de xaneiro.

O exame para mestre composteiro comezou ás nove da mañá, cando os membros do tribunal foron chamando por orde de lista aos aspirantes, que foron recollendo o material e sentando no graderío do pavillón. Presentáronse 309 candidatos, o que supón o 70 % dos que formalizaran a inscrición.

O exame estaba conformado por 105 preguntas (cinco delas de reserva) sobre o proceso da compostaxe e outros sistemas de tratamento de lixo, lexislación e conceptos básicos de Bioloxía e Química. Os formularios, identificados mediante códigos, foron corrixidos automaticamente por un ordenador durante a tarde de onte e as cualificacións daranse a coñecer no día de hoxena páxina web da Deputación. A máxima puntuación serán 100 puntos.

Unha vez se teña o listado de aprobados establecerase a nota de corte para pasar á entrevista persoal, que servirá para desfacer empates no caso de coincidencia de puntuacións na proba tipo test. O tribunal cualificador dará a coñecer a data destas entrevistas nos vindeiros días.