Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Loli Beloso: "Quero que, a través dos rapaces, chegue aos pais o labor de Neira Vilas"

A autora presentará hoxe en Tomeza o seu libro "Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos"

Loli Beloso. // Rafa Vázquez

A escritora pontevedresa Loli Beloso volve apostar por unha figura relevante da cultura galega para a súa nova obra, "Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos", que presentará esta tarde no centro social Lusquiños de Tomeza (18 horas). O acto contará coa presenza do escritor e de Ángel Carracedo, director da Fundación Medicina Xenómica da USC, a onde irán destinados os beneficios obtidos pola obra.

-É o terceiro libro que escribe sobre un persoeiro galego dirixido aos nenos. Por que para este público?

-Porque penso que os nenos de pequenos son como esponxas que absorben todo e queda aí. E todos levamos sempre a ese neno porque a infancia nunca nos deixa, xamais nos abandona. E eu quero que a través dos nenos chegue aos pais e aos avós o labor humana e cultural de Isaac Díaz Pardo, de Luis Seoane e, neste caso, de Xosé Neira Vilas e a súa muller, Anisia Miranda.

-Por que tamén Anisia?

-A súa muller para min foi unha muller moi especial. Eu xa lle chamo a miña fada madriña porque noto que sempre me está axudando. Ademais, sempre estivo moi volcada cos nenos. Tanto ela como Neira Vilas foron un regalo á miña vida.

-Como os coñeceu?

-A vida de ambos cóntoa no libro nunha suposta conversa coa miña filla. Eu chego a eles a través do protagonista de "Memorias dun neno labrego", Balbino. Cando tiña 18 anos e viña no autobús coñecín a unha moza algo maior ca min que me recomendou esta obra como regalo para o que era o meu mozo, que estaba de emigrante en Noruega. Cando casamos, eu tamén lin o libro e pensei que ese home tiña que ser unha persoa marabillosa e hai uns dez anos decidín facer unha chamada para ver se podía coñecer a Neira Vilas. E el mismo me dixo que fora por alí, pola súa Fundación, que me firmaría uns libros. Ao marchar, pediume o teléfono e de alí a un mes me chamou e foi como collimos a relación tan estreita, un vínculo tan forte.

-E Anisia?

-Coñecina nese primeiro encontro. Ela veu por alí e estivemos falando. Pero no terceiro encontro apareceu e dixo : "Pepe, eu quero que Loli e Xesús sexan amigos nosos", referíndose a min e a meu home. A min ninguén me dixera nunca tal cousa dunha maneira tan firme. Ela era moi profunda, moi sensible e moi sentimental; moi agarimosa.

-Por que comezou estes libros por Isaac Díaz Pardo e non por Neira Vilas?

-Pois porque, precisamente, nese primeiro encontro, Anisia non paraba de chorar por Isaac e os problemas, a traxedia, que el tiña na fábrica. A min impactoume o que lle pasou. Coñecino persoalmente e quedei moi sorprendida da gran cantidade de xente en Galicia que non o coñecía. Falo de xente con estudos universitarios; de mestres, de médicos... E isto os galegos non deberíamos consentilo. A miña intención non é facer crítica, pero creo que é algo que podemos correxir entre todos, porque estas persoas son un exemplo a seguir.

-Canto tempo de traballo hai detrás deste novo libro?

-Un ano. Hai que pensar que esta xente tivo unhas vidas moi completas. Fixeron moitas cousas. Ademais, escribir para nenos non é nada doado.

-Os beneficios deste libro irán adicados á investigación do cancro...

-Si. É un xeito de facer que a súa obra humana continúe. Os beneficios serán para un ben para todos. Preguntei se había alguén realmente bo na nosa terra que investigara sobre a enfermidade e ninguén me sabía contestar. Pero un día unha compañeira faloume de Ángel Carracedo, director da Fundación medicina Xenómica da USC, que busca financiación polo mundo adiante, e contactei con el.

-Por que esta enfermidade?

-Cando eu tiña 16 anos a miña nai padeceu un cancro. O meu pai xa falecera e eu non me quería quedar soa. Os médicos déronlle un diagnóstico moi duro, pero aquí a sigo tendo ao meu lado. Eu vexo que arredor miña hai moitas persoas que padecen esa enfermidade que causa tanta dor. Se non se investiga...

-Creo que contou con moitas colaboracións para este libro...

-Si. Fina Casalderrey escribe o prólogo, a ilustración da portada é do artista Lino Lago e tamén aportan ilustracións do interior Tato Heredia, Vicente Ansola, Kiko Da Silva, Rofer e Cecilia Benítez.

Compartir el artículo

stats