Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrea Bayer e Óscar Ferreira: "O máis creativo de Luppo foi humanizar unha caixa de cartón"

A pontevedresa Baobad vén de gañar o premio ao mellor espectáculo na Feria de Ciudad Rodrigo 2015

Andrea Bayer, con Tulún, e Óscar Ferreira, con Luppo. // Santos Álvarez

Nesta entrevista ían ser dous os invitados, pero é todo un pracer comprobar que Andrea Bayer e Óscar Ferreira chegan acompañados por Luppo e Tulún. O ancián e o neno de cartón veñen de facer unha longa viaxe de regreso dende a provincia de Salamanca (Castela e Léon), onde, coa obra á que dan vida sobre o escenario, "Luppo", convertiron aos pontevedreses Baobab nos gañadores do Premio al Mejor Espectáculo Infantil da Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo 2015. "Luppo", que aborda o difícil tema da perda dos seres queridos, adaptado aos nenos, fora estreada en galego a principios deste ano no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e agora vén de facelo en castelán na comunidade autónoma veciña.

-Baobab Teatro preséntase na súa páxina web como una compañía que fai teatro para nenos e para adultos que se atrevan a soñar coma nenos. Que significa isto?

-Andrea Bayer: Nós cremos nunha liña de teatro de calidade no que todo sexa moi perfecto. Cremos no público infantil, pero tamén pensamos que os nenos non van sós ao teatro, van cos seus pais. E, por iso mesmo, non nos gustaría que os seus pais estiveran aí dicindo "Que aburrimento!". Sempre pensamos en atrapar aos pais e en que o pasen tan ben coma os seus fillos.

-Os vosos espectáculos son para público a partir de?

-Óscar Ferreira: Dende cero anos, practicamente.

-Andrea Bayer: Cada ano nos sentamos a pensar que queremos facer, e, dependendo disto e do que queiramos dirixir, sae adiante un espectáculo para unha franxe de idade ou doutra.

-Ás veces será difícil materializar esas ideas?

-O.F: Hai que traballalas moito. Hai que darlles moitas voltas. Se hai un denominador común entre todos os nosos espectáculos é a tenrura. A nosa aposta é pola sensibilización. "Luppo" en cuestión é moi tenra, incluso chega a tocar a tristura por momentos.

-A. B: Para min "Luppo" ten unha carga emocional moi forte, porque a miña avoa faleceu recentemente e porque, en certo modo, me traslada á miña infancia, a cando era nena e escoitaba a ópera que un veciño poñía tódolos días e que se escoitaba en toda a rúa. Era algo que non deixaba indiferente a ninguén.

-Por que credes que Luppo gañou este premio?

-O. F: Eu creo que se trata dun conxunto de cousas. Na miña opinión, é a obra que máis coidamos en todos os aspectos. Por desgraza, no noso traballo andamos a correr sempre, pero neste caso é practicamente a primeira vez que chegou para a estrea como nós queríamos. Puidemos coidar a iluminación, o espazo sonoro, os ensaios? Démoslle o tempo, a madurez, que non lle puidemos dar a outros proxectos. Ademais, ten unha estética que contrasta coa que habitualmente presentamos. A xente sorprendíase cando vía as caixas.

-A.B: Eu mesma, cando Óscar me dixo que ía ser todo de cartón, quedei sorprendida. Pero eles conseguiron o efecto que buscábamos.

-Entón, podemos dicir que a posta en escea foi económica?

-O.F: Iso é o que pensa moita xente, pero non é tan barata. O cartón non é tan barato, e hai que mercar moitas planchas para construir, e moitas probas para facer? O máis creativo foi humanizar unha caixa de cartón. Foi un traballo en equipo.

-A.B: Unha produción sempre é custosa.

-Quen construiu a Luppo e a Tulún?

-O.F: Entre Juan Silva, o noso construtor en Baobab, e eu.

-Canto tardastes en conseguir o resultado buscado?

-O.F: Non moito, ao mellor un par de semanas. Cando tes as ideas moi claras ese non é tempo. Trátase de facer probas.

-Fostes conscientes de que iades a gañar o concurso xa durante a representación?

-A.B: Non, iso é imposible sabelo, pero si que nos demos conta de que estaba a gustar moito. Formouse un silencio importante que a min me asustaba un pouco. Pero tamén rían cando había que rir.

-O.F: Para min, Andrea ese día fixo unha das mellores actuacións que lle vin nunca. Estivo impresionante. Outras veces, cando ensaiamos, lle digo que hai que facer isto ou o outro, e mesmo despois da actuación lle podo recriminar que non o fixo. Pero nesta ocasión non tiña absolutamente nada que dicirlle!

-Esta obra está pensada para nenos a partir dos catro anos. Non son moi novos para entender esta temática?

-A.B: Algúns si e outros non. Os máis noviños interpretan que Luppo marchou de viaxe, "moi lonxe". O que si saben é que non vai regresar nunca máis.

-Houbo algún pai que vos recriminara incluir a cuestión da morte nunha obra de teatro infantil?

-O.F:Non. Recriminar non. Todo o contrario, houbo xente que nos agradeceu que tocaramos este tema tan complicado.

-Segue sendo tabú?

-O.F: Si. Os pais, na maioría dos casos, non saben como tratalo.

-Óscar, cando Andrea falou de escribir unha obra sobre isto, que pensaches?

-O.F: Quedei encantado, porque é unha obra moi na nosa liña de tocar emocións. Hoxe en día hai que emocionar e sensibilizar á xente.

-A.B: Cando falamos de abordar algún tema conflictivo ou comprometido, difícil, vaia, os dous sabemos de que estamos a falar. Os dous sabiamos que o queriamos facer dunha forma cariñosa.

Compartir el artículo

stats