A Casa das Campás acolle dende hoxe, 19 horas, las III Xornadas "Represaliadas e resistentes", organizadas pola Concellaría de Patrimonio Histórico, e que teñen como obxectivo dar a coñecer a represión vivida polas mulleres, as máis esquecidas dentro da memoria silenciada.

Nesta primeira sesión haberá unha mesa redonda que abrirá o investigador Xosé Álvarez Castro facendo un repaso ao acontecido na cidade a raíz do golpe de Estado de xullo do 36. Baixo o título "Sobrevivir á represión e á ditadura" falarán tamén dúas mulleres pertencentes a familias represaliadas, Ramona Fariña e María do Carme Lores, que compartirán cos asistentes a súa visión do conflicto. A xornalista Montse Fajardo tamén participará na mesa redonda para falar de historias de outros familiares de asasinados o 12 de novembro como Ramiro Paz, Germán Adrio ou José Adrio, de exiliados como Bibiano Fernández-Osorio Tafall ou de represaliados como os Gama.

As súas historias

A familia de Ramona Fariña foi unha das máis perseguidas do barrio da Moureira. O seu tío, Ricardo Fariña Torres pasou tres anos agochado na cheminea da casa de Faustina, a súa irmá maior, perseguido polos fascistas por ser un dos principais propulsores do asociacionismo mariñeiro. Pepe e Modesto, os dous fillos doutra das irmás de Ricardo, alcumados "Os Torreiros" foron detidos e enviados á illa de San Simón. Tamén en San Simón estivo detido o pai de Ramona, Maximino Domínguez, antes de ser enviado ao famoso penal de San Cristóbal, participando na fuga que tivo lugar o 22 de maio do 1938 da que logrou saír con vida.

O 18 de xullo do 36 Ramona tiña nove anos. Lembra ás patrullas de cívicos e gardas petando na porta, interrogando a Olivia, a súa nai, sobre o paradoiro do irmán e do home. Lembra o silencio, as mentiras, para non desvelar o paradoiro do seu tío Ricardo. As ameazas ás súas curmás de que lles ían rapar o pelo. Os apuros para comer cando todos os homes da familia estaban entre reixas. O medo, cando pasaron semanas sen saber nada do pai fuxido do inferno. Lembranzas que vai compartir cos asistentes ao acto desta tarde.

Mari Carme Lores naceu moito despois de que acabara á guerra. Viviu toda a vida coa súa avoa materna, Isolina Villaverde Cendón, pero xa era adulta cando soubo as circunstancias nas que Isolina perdera ao seu home.

Aurelio Torres era canteiro, anarquista e profundamente anticlerical. Os fascistas asasinárono o 23 de agosto do 36 e abandonaron o seu corpo salvaxemente mutilado na curva de Bora. A súa muller si era relixiosa e quixo facerlle un funeral. O cura dixo que non e Isolina xamais volveu a pisar a igrexa: "Se non é boa para o cadáver do meu home tampouco é boa para min", dixo e xamais nos 86 anos que viviu volveu pisala. Nin para a voda dos fillos.

Enterrou o recordo do seu home baixo un loito eterno que xamais quitou e deslombouse traballando a terra para sacar adiante soa a tres nenos. Como sobreviviu economicamente e rodeada polos asasinos do seu marido. Cales foron os seus acenos de memoria resistente, como condicionou o que sucedeu aos seus fillos, como vive a seguinte xeracións os actos de homenaxe, tan tardíos, aos seus familiares asasinados, son algunhas das cuestións que abordará na Casa das Campás Mari Carme Lores, a neta de Aurelio, o canteiro de Mourente.

As xornadas son gratuítas e non é preciso inscrición previa. Mañán haberá unha conferencia de Montse Dopico: "Semente de mudanzas". As 20 horas proxectarase o documental "La memoria de las olvidadas". O sábado, as 11 horas será á conferencia de Paula Godinho: "Propiedade privada da história e memórias fracas: a esquerda da esquerda e as revoltas da memória". As 11.45 horas será o relatorio de Aurora Rodrigues e Pilar Allegue.