O Clube de Opinión Portocelo conmemorou o 70 aniversario da publicación de "Sempre en Galiza", de Castelao, cun acto cultural no que participou Carlos Mella, presentado por Héctor Silveiro, profesor do colexio San Narciso e membro da Real Academia Galega (RAG). A actividade, celebrada onte na biblioteca municipal, contou cunha conferencia que, baixo o titulo de "Aspectos económicos do pensamento de Castelao", pronunciou o actual presidente da Fundación Catelao, Carlos Mella Villar, político, escritor e exvicepresidente da Xunta de Galicia. Ao remate da disertación, Héctor Silveiro leeu unha pasaxe da obra canónica do nacionalismo galego. Un concerto da coral do Centro Sociocomunitario de Marín puxo o peche ao acto.

O organizador, Ángel García Carragal, agradeceu ao coro do Centro Sociocomunitario de Marín que participara de xeito gratuito e desinteresado nesta conmemoración do LXX aniversario de "Sempre en Galiza", así como a presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e de todas as persoas e entidades que contribuiron a celebrar en Marín a efemérides da publicación da principal tese política do país.