O CEIP Amor Ruibal de Barro entregará o próximo martes, día 14, o Premio Mimi que recaeu nesta quinta edición na rapeira viguesa Aíd. O galardón é un recoñecemento a aquelas persoas que utilizan e fomentan o idioma e a cultura galega.

A candidatura de Aíd foi proposta polo Equipo de Normalización da Lingua Galega do instituto de Secundaria de Barro e impúxose ás outras catro recadadas polo alumnado de quinto curso de Primaria despois de remitir as bases do concurso a institucións, organismos e asociación.

Outras candidaturas

As restantes candidaturas foron as de Agustín Fernández Paz, proposto pola Universidade de Vigo; Fina Casalderrey, polo Obradoiro Río Umia; Ángel Alfonso Piñeiro, polo blogue Novas de Barro; e o programa da TVG2 "Os axóuxeres", pola Real Academia Galega.

O premio consiste nunha talla en madeira de Mimi, a mascota do colexio, realizada polo artista local Francisco Rodríguez Remiseiro, baseada no debuxo da exalumna Aroa Outón.

O acto será ás 12 horas na biblioteca do concello de Barro.